O diario dixital Código Cero é recoñecido por cumprir vinte anos achegando a información tecnolóxica en galego
Serán homenaxeados na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebra este venres 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio A Noite ás empresas Balidea, Emetel, Inycom e Minsait, polo seu permanente apoio á entidade colexial e á súa gala, o evento de referencia da informática en Galicia, que ano tras ano aglutina ás empresas máis destacadas do sector TIC na comunidade, xunto a personalidades do mundo empresarial, social e institucional.
Representantes das catro empresas premiadas recollerán o galardón na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que terá lugar este venres 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino. No acto farase entrega das dez categorías de premios cos que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas e persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Balidea acumula vinte anos de experiencia no desenvolvemento especializado de software para administracións públicas e grandes empresas multinacionais. Posúe departamentos nas áreas de intelixencia artificial e na ciberseguridade, o que lle permite abarcar proxectos de innovación tecnolóxicamente vanguardistas. Xunto á satisfacción dos clientes, busca priorizar o benestar e a felicidade dos seus profesionais e colaboradores, non só como lema, senón como realidade diaria.
Co motivo do recoñecemento, o CEO de Balidea, Lorenzo Rodríguez, destacou o papel da Noite como cita de referencia e lugar de encontro cos membros da entidade colexial “cuxa labor en prol deste sector nunca deixaremos de destacar” e agradeceu “que nos teñan permitido pasar con eles estes dez anos, que esperemos sexan moitos máis”.
Emetel é unha consultora tecnolóxica gourmet que traballa para poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas. Naceu en 1994 como unha empresa de infraestruturas tecnolóxicas e hoxe converteuse nunha consultora tecnolóxica de referencia. Foi pioneira no sector, lanzando solucións innovadoras e punteiras dende o seu nacemento.
Pero, por enriba de todo, Emetel foi disruptiva na súa forma de ver a tecnoloxía, poñendo ás persoas e as súas necesidades no centro. Hoxe, o seu reto máis importante é facilitar a transformación dixital segura e efectiva dos clientes mediante a implantación de solucións innovadoras e feitas á medida, traballando con empresas de múltiples sectores: administración pública; financeiro; industria; portos; téxtil e saúde.
Manuel Lago, CEO e fundador de Emetel, indicou que na súa empresa “acompañamos aos clientes no seu proceso de transición cara ao mundo dixital, facéndolles sinxelo o complexo e como facilitadores da tecnoloxía para o seu negocio. Grazas á confianza dos nosos clientes e ao gran equipo de profesionais de Emetel, apaixonados por interpretar a tecnoloxía, hoxe somos a consultora tecnolóxica que queriamos ser. Conseguir un mundo máis sinxelo de xestionar é a nosa misión e, vinte e sete anos despois, séguenos ilusionando como o primeiro día”.
Inycom fundouse hai corenta anos e nesta compañía traballan máis de 900 persoas. Conta con oficinas nas cidades máis representativas de España e Ecuador e posúe dúas grandes unidades de negocio: Tecnoloxías da Comunicación (TIC) e Laboratorio e Diagnóstico (LD). A isto se engaden varios departamentos e equipos de traballo transversais: departamento de I+D, departamento de innovación (i3) e departamento de Inycom Energy.
Gabriel Barreiro, director zona noroeste de Inycom, destaca que toda a actividade da compañía “desenvólvese e vén marcada pola innovación, pola nosa cultura e polos nosos valores: achegar innovación tecnolóxica aos nosos clientes, favorecer o desenvolvemento persoal e profesional das persoas, e achegar valor á sociedade xerando emprego, fomentando o emprendemento e a creación de vocacións STEM”.
Minsait é a compañía de Indra líder en transformación dixital e Tecnoloxías da Información. Minsait presenta un alto grao de especialización e coñecemento sectorial, que complementa coa súa alta capacidade para integrar o mundo core co mundo dixital, o seu liderado en innovación e en transformación dixital e a súa flexibilidade. Con iso, enfoca a súa oferta en propostas de valor de alto impacto, baseadas en solucións end-to-end, cunha notable segmentación, o que lle permite acadar impactos tanxibles para os seus clientes en cada industria baixo un enfoque transformacional. As súas capacidades e o seu liderado móstranse na súa oferta de produtos e na súa oferta transversal de servizos.
Lucía Ardao, Directora Negocio TI de Indra en Galicia, sinala que “en Minsait, e no conxunto de Indra, cremos que a tecnoloxía e a dixitalización son as ferramentas clave para a revitalización da economía española. Minsait viviu un intenso e continuo proceso de transformación, que sempre tivo como obxectivo ser punta de lanza da innovación tecnolóxica e dixital, e mellorar de forma continua a eficacia e calidade dos seus servizos para axudar aos seus clientes a situarse como líderes na transformación dixital dos seus negocios. Ademais, traballamos para adaptar constantemente o modelo de compañía para crear unha cultura áxil e colaborativa capaz de ofrecer aos seus profesionais a oportunidade de desenvolver a súa carreira nunha empresa tecnolóxica líder e atraer ao mellor talento, e ao mesmo tempo, impulsar os obxectivos de desenvolvemento sostible como compañía e a través das solucións que ofrece aos seus clientes”.
Premio ao diario dixital Código Cero no seu 20 aniversario
No transcurso da gala premiouse tamén ao diario dixital Código Cero no seu 20 aniversario, polo seu papel na divulgación tecnolóxica en galego nestas dúas décadas. A publicación, que naceu como apoio ao programa Código da Radio Galega, consolidouse ao longo dos anos como referente informativo do sector en Galicia, achegando a tecnoloxía que está a revolucionar o mundo, proxectando a industria e cultura galegas no exterior, e contribuíndo á normalización do galego no ámbito tecnolóxico.