Pasar al contenido principal

O CPEIG recomenda á sociedade protexer a súa privacidade nas redes sociais, non conectarse a redes públicas, non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos descoñecidos e usar contrasinais complexas

Día Protección Datos

O Colexio convoca a sexta edición do concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, en colaboración coa Xunta de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día Europeo da Protección de Datos que se celebra este venres 28 de xaneiro, ofrece á sociedade unha serie de ciberconsellos para facer un uso seguro da tecnoloxía. Fernando Suárez, presidente do CPEIG, considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos.

Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:

•    Non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.
•    Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.
•    Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN).
•    Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.
•    Ser cauto á hora de conectar dispositivos extraíbles a un equipo cando proveñen de terceiros.
•    Avisar dos incidentes de seguridade.
•    Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastreados.
•    Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.
•    Usar contrasinais complexas e únicas.
•    Eliminar documentación sensible dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro.

Certame dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO, que poderá presentar os seus traballos ata o 28 de febreiro

O CPEIG e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, convocan o VI Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos con motivo do Día Europeo da Protección de Datos. Está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO. 

Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://www.edu.xunta.gal/portal/Educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).

Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.

Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. 

O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes (http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/).

Documentos de este artículo