Pasar al contenido principal

O CPEIG celebrará a gala “A NOITE” o 1 de xullo en Santiago de Compostela coa entrega anual dos premios da profesión

14 NOITE

Reuniranse uns 350 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de visibilizar á profesión de enxeñaría en informática

Convócase o XIII Premio Traballo Fin de Máster co prazo de presentación de candidaturas aberto ata o 12 de maio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. 

Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 

No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con 11 categorías nas que as colexiadas e colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Os galardóns de 2021 recaeron en: Samsung Electronics Iberia polo seu proxecto ‘Tallk’ destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA, Premio e-Inclusión; a empresa galega Councilbox, Premio Iniciativa Emprendedora; 

Red Mundo Atlántico, Premio Iniciativa Empresarial; o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto ‘Quantum Computing’ destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, Premio Iniciativa da Administración; o Premio Ada Byron foi para a enxeñeira en informática Ana Freire, experta en intelixencia artificial e recuperación de información; o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade e dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino; o enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco, Premio Traxectoria Profesional.

Ademais, en 2021 o Premio Traballo Fin de Máster recaeu en Elisa Fernández Álvarez polo desenvolvemento dunha ferramenta que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral obtidos a partir da análise de augas residuais e que son empregados para realizar predicións de casos da COVID-19 na UDC; Mateo Valero Cortés, director do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación, impulsor da supercomputación en España e Europa recibiu a distinción de Colexiado de Honra; o Premio Especial A Noite foi para Balidea, Emetel, Inycom e Minsait polo seu permanente apoio á entidade colexial e á gala de referencia do sector TIC en Galicia; e o Premio Especial a Código Cero no seu 20 aniversario.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

O gañador do Premio Traballo Fin de Máster recibirá con 1.000 euros, e os tres finalistas un ano de colexiación gratuíta

O CPEIG convoca a décimo terceira edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que se entregará no marco da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática.

Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2020, 2021 e 2022. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 12 de maio ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura podense atopar na web colexial: https://www.cpeig.gal/xiii_premio_tfm.

Mediante a organización deste premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.