Vinte gardas civís operan exclusivamente en Galicia para garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, recollerá a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa da Administración da "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao proxecto Equipos @, enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior. A iniciativa creouse para garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asistirá ao acto a recoller esta distinción concedida a Equipos @.
A iniciativa consta de equipos funcionais encargados de reforzar a resposta en materia de ciberdelincuencia, en particular ante estafas na rede. Así mesmo, Equipos @ constitúen o primeiro nivel de resposta específica á cibercriminalidade, apoiando ás unidades territoriais que están orientadas á cidadanía, realizando un primeiro tratamento deste tipo de delitos, apoiando á Policía Xudicial específica mediante a análise dos ciberdelitos, e potenciando a interlocución de calidade coas vítimas.
En Galicia, operan desde o pasado mes de novembro seis equipos que están integrados por 20 gardas civís dedicados exclusivamente a este fenómeno. Estes equipos reforzan o despregue xa existente na Guarda Civil para a investigación de ciberdelitos, (equipos de investigación tecnolóxica e grupos de delitos telemáticos).
Organicamente, Equipos @ opera baixo a coordinación dos respectivos Equipos de Investigación Tecnolóxica das Unidades Orgánicas da Policía Xudicial. Tamén se encargan de asesorar e formar neste tipo de delincuencia.