Pasar al contenido principal

‘The Waylanders’, o videoxogo de rol creado e ambientado en Galicia pola empresa coruñesa Gato Salvaje Studio, recibe o Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG

‘The Waylanders’

Con localizacións na Torre de Hércules e na Catedral de Santiago e nas contornas naturais do Ézaro e Fisterra, o xogo narra a historia dun grupo de guerreiros que viaxa no tempo a través da época celta e medieval

O director creativo da compañía, Sergio Prieto, recollerá a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Empresarial da "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao videoxogo ‘The Waylanders’ creado pola compañía coruñesa Gato Salvaje Studio.

‘The Waylanders’ é un xogo de rol clásico, pero cunha característica especial, a inspiración en localizacións do norte de España, especialmente en Galicia, cun toque fantástico dos mitos celtas e o oscurantismo dunha era medieval invadida por unha corrupción máxica. Ambientouse en distintos escenarios históricos como a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago, ademais doutras contornas como O Ézaro e Fisterra. Trailer do videoxogo.

O proxecto desenvolveuse durante cinco anos. Aínda que inspirado nun xogo moi popular do inicio dos 2000, Dragon Age, ‘The Waylanders’ ten un estilo que destaca pola ambientación e a mitoloxía galegas, con toques de tema celta, de folclore, e apuntes medievais e de cristianismo moi arraigados en Galicia. Finalmente, saíu a venda en febreiro de 2022.

Narra a historia dun grupo de guerreiros que viaxa no tempo a través da época celta e medieval. O director creativo da compañía, Sergio Prieto, explica que a historia de base é unha adaptación dunha lenda irlandesa que conta que os fundadores de Irlanda saían de Galicia, historia coa que arrinca o xogo, pero cunha variación na lenda que o xogador descubrirá a medida que avanza na historia. Prieto apunta tamén que a mestura de razas apréciase no xogo, con humanos, trasnos e licántropos, ademais de moures, fomores e xigantes da mitoloxía irlandesa.

O guión foi creado por dous profesionais que traballaron en grandes producións internacionais: Emily Grace Buck (The Walking Dead, Batman: The Enemy Within, Gardiáns da Galaxia)  e Mike Laidlaw (sagas Dragon Age e Mass Effect).

Gato Salvaje Studio – http://gatosalvajestudio.com/ – nace no 2010 na Coruña coa intención de converterse nunha referencia nacional da produción de videoxogos. Pioneira en crowdfunding (financiamento mediante micromecenado) en España, esta firma de videoxogos está en continuo crecemento, apoiándose na "formación, na contratación de talento galego e na innovación", explica Sergio Prieto.  Durante os últimos anos, un equipo de 36 persoas e numerosos freelances repartidos por todo o mundo traballaron na súa última historia. 

A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia, celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.