Tras 22 anos de carreira, actualmente é responsable da definición e implantación das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Xunta de Galicia
• Gustavo Herva: “Galicia está dando pasos importantes para impulsar a ciberseguridade, con iniciativas como o Nodo Galego de Ciberseguridade, no que participan, nun modelo de colaboración público-privada, todos os axentes do sector”
• Fernando Suárez, presidente do Colexio profesional: “É un colexiado que está liderando actualmente unha área da enxeñaría informática da máis alta especialización e impacto na sociedade”
O fenés recollerá a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Traxectoria Profesional da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia ao enxeñeiro en informática Gustavo Herva Iglesias, xefe da Subárea da Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Como colexiado desde a creación do Colexio profesional en 2007, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que Gustavo Herva formou tamén parte do Corpo Oficial de Peritos Informáticos. “É un colexiado que está liderando actualmente unha área da enxeñaría informática da máis alta especialización e impacto na sociedade”, explica.
Gustavo Herva Iglesias (Fene, 1977) é enxeñeiro en informática pola Universidade da Coruña (UDC) desde o ano 2000. Traballou como consultor na empresa privada de 2000 a 2008, tendo como actividades principais o desenvolvemento de programas informáticos e análise funcional e de arquitectura técnica en numerosos proxectos para grandes clientes en diferentes ámbitos (banca, telecomunicacións, administración pública, etc.).
Incorpórase en 2008 á Administración Pública como persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, acadando a primeira posición no proceso selectivo na quenda de acceso libre, onde foi responsable das áreas de arquitecturas tecnolóxicas e novas tecnoloxías, onde traballou principalmente na estandarización da arquitectura de aplicacións do ámbito sanitario da administración pública galega e na coordinación dos portais web da organización, co obxectivo de mellorar a eficiencia, calidade e seguridade dos sistemas informáticos, participando tamén en proxectos de compra pública innovadora.
En 2010 obtén a praza de funcionario na escala de xestión de sistemas de información do corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, da que solicitou excedencia para seguir desenvolvendo a súa labor profesional no ámbito sanitario. Xa en 2013, consegue a praza de funcionario da escala de sistemas e tecnoloxía da información do corpo superior de administración da Xunta de Galicia, acadando a primeira posición no proceso selectivo na quenda de acceso libre, incorporándose nese momento á Amtega, onde ao pouco tempo é nomeado xefe do departamento de seguridade e calidade, posto no que exerceu responsabilidades na xestión e mellora da seguridade da información na Xunta de Galicia, así como na estandarización de procesos e da arquitectura de aplicacións.
Proxectos de mellora da seguridade da información
En 2021 é nomeado xefe da Subárea de Seguridade na Amtega da Xunta de Galicia, onde é responsable da definición e implantación das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Xunta de Galicia, sendo vicepresidente da subcomisión de Seguridade da Xunta de Galicia desde a súa creación en 2014, delegado de Protección de Datos da Amtega desde 2018 e representante da Amtega en diversos comités e grupos de traballo a nivel nacional, como o subcomité de Seguridade do comité técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica e o grupo de traballo de seguridade da comisión sectorial da Administración Electrónica.
Nesta etapa foi responsable de multitude de proxectos de mellora da seguridade da información na Xunta de Galicia, entre os que cabe destacar:
• Implantación de plataformas de ciberseguridade.
• Xestión da ciberseguridade corporativa, creación de CSIRT.gal e adhesión a CSIRT.es.
• Adecuación ao regulamento xeral de protección de datos persoais.
• Adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade.
• Formación e concienciación en materia de seguridade da información.
• Impulso da posta en marcha do Nodo Galego de Ciberseguridade.
Ao longo dos seus vinte e dous anos de carreira profesional asistiu a numerosos cursos de formación de carácter técnico, normativo e sobre habilidades de xestión. Impartiu tamén como docente un elevado número de actividades formativas, colaborando frecuentemente coa Escola Galega de Administración Sanitaria (EGAS) –actualmente a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)–, e coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), sendo director na actualidade do Curso Superior de Ciberseguridade organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa EGAP e o Centro Criptolóxico Nacional.
Obtivo numerosas certificacións profesionais, como a de ITIL Foundation Certificate in IT Service Management, Certified Data Privacy Professional (CDPP) de ISMS Forum Spain, Delegado de Protección de Datos Persoais, Certified Ethical Hacker de EC-Council, entre outras. Participa con frecuencia en foros de seguridade, como por exemplo as xornadas STIC do CCN-CERT, o congreso Securmática organizado pola revista SIC e no Encontro galego de ciberseguridade.
O enxeñeiro agradece ao CPEIG e aos seus colexiados e colexiadas a concesión deste premio, que supón unha enorme satisfacción para el e que é tamén unha recompensa para o equipo de traballo e a organización na que desenvolve a súa carreira profesional no ámbito da ciberseguridade desde fai nove anos.
Segundo Gustavo Herva, a sociedade actual está sufrindo nas últimas décadas e, especialmente nos últimos anos, unha serie de importantes cambios impulsados ou causados polas innovacións tecnolóxicas, en particular en todo o que ten que ver coas tecnoloxías dixitais, cun gran impacto nas empresas, entidades públicas e na vida persoal da cidadanía. “A informática é un elemento fundamental nas nosas vidas e polo tanto o desenvolvemento e implantación de sistemas informáticos ten que facerse de forma cibersegura, xerando a confianza necesaria para a súa utilización e garantindo que a ciberseguridade é algo que ven de serie nos servizos e produtos dixitais” –sinala.
Herva considera que iniciativas como estes galardóns do CPEIG axudan a facer visible a importante labor que desenvolven os enxeñeiros e enxeñeiras en informática na sociedade actual, sendo a ciberseguridade un campo de especialización moi importante para os titulados en enxeñería informática, con emprego garantido e nun momento de importante desenvolvemento. “Este premio dá visibilidade tamén no meu caso ao importante papel dos empregados públicos nestes procesos de transformación dixital, nos que desde as Administracións públicas se promove tamén a ciberseguridade, tanto no ámbito público como no resto da sociedade. Galicia está dando pasos importantes para impulsar a ciberseguridade no noso territorio, con iniciativas como o Nodo Galego de Ciberseguridade, no que participan, nun modelo de colaboración público-privada, todos os axentes do sector, polo que na nosa comunidade hai opcións para formarse e desenvolverse profesionalmente no campo da ciberseguridade” –asegura–.
A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.