Procuran a inserción laboral en empresas ordinarias dos sectores da ciberseguridade, cloud computing, programación SAP/ABAP, Big Data, Intelixencia Artificial, soporte IT e análise de datos
O director da Fundación GoodJob, César López, e o director académico dos programas #IMPACT, Román Ramírez, recollerán a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia á Fundación GoodJob polos seus programas #IMPACT de empregabilidade, online e de carácter gratuíto, impulsados co obxecto de dar acceso ao mercado de traballo ordinario a persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía.
A Fundación GoodJob é unha organización sen ánimo de lucro destinada a mellorar a inserción laboral e fomentar a empregabilidade de persoas con discapacidade, buscando a súa integración no mercado laboral, con autonomía económica da persoa, a mellora da súa autoestima e o sentimento de pertenza á comunidade, co obxecto de garantir a súa igualdade de oportunidades e a plena integración na sociedade. “Pretendemos con los Programas #IMPACT que las personas con discapacidad reciban la capacitación necesaria para acceder a un empleo en el sector tecnológico con una alta demanda de profesionales, con posibilidades de crecimiento laboral y empleo estable” -explica o director da Fundación GoodJob, César López García–.
A pesar dos avances logrados nos últimos anos en materia de inserción por parte de axentes políticos, sociais e empresariais, a Fundación GoobJob sinala que unha de cada catro persoas con discapacidade en idade activa non ten traballo e moitas das que si traballan fano en sectores nicho ou empregos de baixa calidade e retribución. Neste punto, a Fundación GoodJob propón un novo modelo no que se aposta pola integración das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través de accións de formación profesional para o emprego, rutas de inserción socio laboral para superar situacións de exclusión, plans de integración laboral xunto ás empresas e con acompañamento por parte da Fundación, proxectos e programas e intermediación laboral.
O Programa IMPACT#include forma a 246 persoas con discapacidade no sector da ciberseguridade nas súas cinco edicións, cunha empregabilidade do 85% e a participación de 35 entidades colaboradoras
Os programas #IMPACT teñen como obxecto ofrecer un maior abanico de actividades de base tecnolóxica, permitindo unha maior diversidade de roles e postos de traballo; crear máis capacitacións de impacto que permitan o acceso ao emprego nun período máis curto de tempo; aportar emprego con apoio intensivo por parte dun equipo multidisciplinar de profesionais da Fundación GoodJob; e fomentar a participación de profesionais das empresas na capacitación do participantes.
Dentro do Programa #IMPACT existen varias etapas de acceso dependendo do perfil competencial dos participantes seleccionados. As dúas primeiras fases de entrada son o Programa IMPACT#cero e o Programa IMPACT #dev. As persoas con discapacidade sen ningún coñecemento en tecnoloxía entran primeiro no #cero, para definir a continuación cal é o seu programa destino. O Programa IMPACT#cero pretende que as persoas con discapacidade poidan obter habilidades e os coñecementos necesarios para poder acceder ao mundo dixital e integrarse e beneficiarse dun entorno cada vez máis tecnolóxico. A formación está destinada a 60 participantes por cada unha das dúas edicións que se organizan ao ano en España, cunha duración de catro semanas. Por outra parte, o Programa IMPACT#dev ten o obxecto de formar en contidos de programación básica, cunha formación para 15 participantes por edición e unha duración de catro semanas.
O Programa IMPACT#include dá acceso ao mercado de traballo ordinario a persoas con discapacidade no sector da ciberseguridade, para postos de operacións, seguridade perimetral, intelixencia, hacking, etc. É unha formación destinada a 60 participantes por edición, organizándose dúas por ano en todo o territorio nacional cunha duración de sete semanas. Formáronse 246 participantes nas súas cinco edicións, cunha empregabilidade do 85% e a participación de 35 entidades colaboradoras na integración de todos os participantes. Neste programa aportan gratuitamente tecnoloxías as empresas Cisco, Fortinet, Microsoft e Palo Alto.
O Programa IMPACT#cloud ten como finalidade que os participantes adquiran unha visión clara do que é o cloud computing e comprendan os beneficios e conceptos clave para ter así acceso ao mercado de traballo ordinario no sector tecnolóxico en cloud. O obxectivo é formar a 60 participantes por edición de todo o territorio nacional cunha duración de seis semanas.
O Programa IMPACT#denarius busca a empregabilidade en programación SAP/ABAP no sector tecnolóxico, para poder ocupar postos junior en entidades que desenvolven SAP para diferentes sectores, cunha formación para 15 participantes por edición e duración de catro semanas.
Tamén figura o Programa IMPACT#understand. Ten o obxecto de que os participantes adquiran coñecementos en Big Data e Intelixencia Artificial para desenvolver solucións de análise para todo tipo de sectores, cun curso de seis semanas que na súa primeira edición contará coa participación de 25 persoas.
O Programa#data, destinado a persoas con discapacidade que xa cursaron os programas #include ou #cloud, está especializado en análise de datos en ciberseguridade (Elastic), que na súa primeira edición contará con 20 participantes cunha duración de seis semanas. E o Programa IMPACT#redes destínase á formación en soporte IT, cunha formación para 25 participantes por edición e unha duración de seis semanas.
A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia, celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O director da Fundación GoodJob, César López, e o director académico dos programas #IMPACT, Román Ramírez, recollerán a distinción neste acto, punto de encontro entre as/os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a doce categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.