É o promotor do primeiro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Google para Europa, que se inaugurará a mediados de 2023 en Málaga
Recollerá a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará este venres 1 de xullo en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) nomea Colexiado de Honra a Bernardo Quintero, director de Enxeñaría de Seguridade de Google –Google Security Engineering Director–, cargo que ostenta na compañía estadounidense desde este pasado mes de maio, ademais de ser o promotor do primeiro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Google para Europa que se inaugurará a mediados de 2023.
Bernardo Quintero Ramírez (Vélez-Málaga, 1973), experto en ciberseguridade de Google, é un dos maiores expertos en ciberseguridade do mundo. Quintero comezou creando os seus propios videoxogos aos 10 anos e construíu o seu primeiro repositorio de virus aos 14 tomando mostras dos ordenadores dos seus amigos, e xa en 1998 funda “una-al-día”, primeira newsletter de ciberseguridade en español. É tamén cofundador no ano 2000 de Hispasec Sistemas, unha das primeiras empresas de hacking ético en España.
En 2004, o enxeñeiro comezou a traballar con outros seis compañeiros de profesión nunha pequena empresa da que é fundador, VirusTotal, con sede no Parque Tecnológico Andaluz (PTA), en Málaga, e que hoxe en día constitúe a maior base de datos de virus informáticos do mundo grazas a un servizo na rede gratuíto que escanea arquivos e direccións de internet sospeitosas para sometelos ao análise de máis de 100 antivirus e ferramentas de seguridade. VirusTotal foi adquirida por Google en 2012 e converteuse no primeiro equipo de ciberseguridade en entrar en Google X en 2015, os laboratorios secretos de Google-Alphabet onde se desenvolven as solucións máis disruptivas e futuristas. Froito do seu paso por Google X naceu Chronicle Security en 2018, a primeira empresa de ciberseguridade de Alphabet da que tamén é cofundador, e que foi adquirida por Google Cloud en 2019.
A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia, celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Bernardo Quintero recollerá a distinción neste acto, punto de encontro entre as/os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a doce categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.