Pasar al contenido principal

Convocada unha nova edición do Curso Superior de Administración Electrónica

Curso Superior de Administración Electrónica

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, convocan unha nova edición do Curso Superior de Administración Electrónica que terá lugar en modalidade mixta (presencial e teleformación) entre o 13 de setembro e o 25 de outubro.

Un dos obxectivos prioritarios da Xunta de Galicia é a prestación de servizos públicos máis eficaces, eficientes e accesibles á cidadanía mediante o emprego das tecnoloxías dixitais, a través da implantación dunha administración electrónica capaz de se relacionar coa cidadanía e coas empresas mediante as canles electrónicas. Para lograr este propósito, a formación dos empregados públicos é esencial, pois permite a mellora da capacidade de desempeño das súas funcións e a asunción de novos procedementos de traballo, o que contribuirá, en grande medida, a conseguir unha administración máis eficaz e eficiente.

O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar no coñecemento desta materia e, deste xeito, poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:

  • Concienciar o alumnado sobre a importancia que ten a implantación da Administración electrónica nas distintas administracións da nosa comunidade.
  • Proporcionar, ás persoas ás que se dirixe, coñecementos acerca do réxime xurídico da administración dixital, así como perfeccionar e completar a súa formación práctica neste ámbito.

Prazas: 70
Persoas destinatarias: o persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, que se encadre nas seguintes categorías:

  • Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.
  • Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local e da Administración de xustiza.

Datas: desde o 13 de setembro ata o 25 de outubro de 2022.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.
Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación. As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 13, 20 e 27 de setembro e 4, 11 e 25 de outubro de 2022.
Horario das clases presenciais: pola mañá, das 11.00 ás 14.00 horas; pola tarde, das 16.00 ás 19.00 horas.
Matrícula: desde as 8 horas do 16 de xuño ata as 23.55 horas do 31 de xullo na área de matrícula da EGAP.