Pasar al contenido principal

O CPEIG sinala a informática como clave da era dixital para afrontar retos como o cambio climático e contribuír ao progreso social e ao avance económico

A NOITE 2022

Fernando Suárez, presidente: “Como sociedade, debemos pelexar por defender os valores nos que cremos, a liberdade, a solidariedade, a cooperación, a unidade, a ética e o feito incuestionable de que son as persoas as que deben estar no centro de todo”

Celebrou hoxe a súa gala A NOITE en Santiago e entregou os premios anuais da profesión ante máis de 350 convidados

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o venres, 1 de xullo, a súa “XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 350 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o CPEIG mostra á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 

Foron doce as distincións anuais que se entregaron hoxe na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. En primeiro lugar, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, agradeceu a colaboración dos patrocinadores do evento, “un apoio continuado no tempo que supón un compromiso e un impulso para seguir traballando todos xuntos por un futuro mellor para o noso país”. Ademais, felicitou aos premiados polo seu talento  esforzo e compromiso para modelar e construír un porvir dixital. “O futuro é cuestión de actitude e de talento e, sen dúbida, os premios que hoxe entregamos son exemplo do liderado da nosa profesión e da nosa terra” –asegurou–.

O director de Enxeñaría de Seguridade de Google, Bernardo Quintero Ramírez; as enxeñeiras en informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Olivaras; o xefe da Subárea da Seguridade da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva Iglesias; o mozo enxeñeiro en informática Íñigo López-Riobóo Botana; a empresa Manfred; o proxecto Equipos @ enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior; o videoxogo ‘The Waylanders’ de Gato Studio; o estudo “Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades” de UNICEF España/USC/CCII, o Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales no seu 20 aniversario; e a compañía TRISON; a plataforma ‘IT4Ukrainians.com’; a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia; os programas #IMPACT da Fundación GoodJob; a rede Dinapsis de Viaqua; e o grupo SING son as persoas, organismos ou entidades distinguidas.

Fernando Suárez sinalou que nos últimos anos estase a vivir a ruptura da unidade europea co Brexit, a irrupción das fake news na sociedade, unha pandemia mundial e este mesmo ano o estalido dun conflito armado no continente europeo que non se vivía desde a II Guerra Mundial, “todo acelerado polo feito de que estamos inmersos na maior revolución a todos os niveis da historia da humanidade”. O presidente do colectivo asegurou que a guerra en Ucraína sacudiu conciencias, e indicou que o sector da informática non foi alleo a este movemento de solidariedade, como así o demostra a plataforma ‘IT4Ukrainians.com’ hoxe premiada.

Outro elemento clave da metamorfose actual é a desaparición do mundo da globalización radical, que segundo Fernando Suárez invita a reflexionar sobre a vulnerabilidade da economía a factores como os prezos da enerxía. “O cambio climático é o maior reto ao se enfronta a humanidade e neste desafía a informática ten moito que aportar, xa que non pode haber transición enerxética sen dixitalización” –apuntou–. Así, o CPEIG decidiu crear este ano un premio para recoñecer proxectos centrados no cumprimento dos ODS definidos por Nacións Unidas. “Como sociedade, debemos pelexar por defender os valores nos que cremos, a liberdade, a solidariedade, a cooperación, a unidade, a ética e o feito incuestionable de que son as persoas as que deben estar no centro de todo” –afirmou–. Seguindo esta afirmación, o CPEIG concedeu un premio especial a Unicef España, a USC e o CCII por un estudo no que se ve a realidade da mocidade ante o uso de internet co obxecto de sinalar que “son as persoas as que dan sentido á tecnoloxía e non ao revés”.

Na época con maior acumulación de tecnoloxía, Fernando Suárez sinalou a necesidade de poñela ao servizo das persoas, por exemplo, tal e como realiza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para alcanzar o impulso dixital en Galicia e a Delegación do Goberno en Galicia por garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo.

Outro aspecto significativo deste momento de cambios que destacou Suárez é a chegada da Intelixencia Artificial. “Galicia debe ser protagonista, coa unidade de todo o sector tecnolóxico, da creación na comunidade da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial” –apostou–. Tamén o presidente fixo fincapé na inclusión, ben na atracción de talento feminino a profesións tecnolóxicas, misión premiada co Ada Byron a Núria Castell e Karina Gibert, e a contribución da informática ao progreso social e o avance da economía, aspectos polo que a Fundación GoodJob e a empresa Manfred foron distinguidas.

Pero a tecnoloxía está máis accesible que nunca e así se demostra con novos avances en realidade virtual, Internet das Cousas, Big Data, Blockchain, computación cuántica, ciberseguridade, Edge Computing, así como a nomeada IA e a Web36 e o Metaverso. Fernando Suárez explicou que Galicia está na vangarda de todos estes avances tecnolóxicos, con empresas e iniciativas como ‘The Waylanders’, Trison e Mundos Digitales.

Tamén se premiou a encarnación dos valores e principios da ética “hacker”, fundamentada en compartir, na transparencia e na descentralización e no libre acceso aos computadores e coñecemento, a profesionais como Íñigo López-Riobóo, Gustavo Herva ou Bernardo Quintero.

Como reivindicacións no contexto actual, Fernando Suárez quixo trasladar ao contorna educativa a diferencia entre competencia dixital e informática, onde non basta con saber usar dispositivos dixitais ou programas, así como a inclusión da especialidade de enxeñaría en informática na modificación da Lei de Emprego. “Somos a porta ao futuro, facemos posible canto está por vir e nada sucedera sen nós na era dixital” –sentenciou–.

Esta décimo cuarta edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG, e contou coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; José Pazos Arias, membro do equipo de goberno da Universidade de Vigo (UVigo); a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago (USC), Mª del Pilar Murias Fernández; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.

A gala foi presentada por Raúl Pérez, humorista e imitador coñecido por moitos por ter colaborado no programa Late Motiv que Andreu Buenafuente presentou en Movistar 0. Raúl (Madrid, 1976) é enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións en Son e Imaxe, pero abandonou este futuro estable para dedicarse á comedia. Comezou madrugando dez anos en "Anda Ya!" (morning show de Los40) onde conseguir bater o Récord Guinness de explotar globos co cu nun minuto, ademais de ser actor de dobraxe. Pero o seu campo son as imitacións e domina personaxes como Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Manuela Carmena, Iker Jiménez, Eva González, Jorge Javier Vázquez, Antonio Lobato, Rafa Nadal, Matías Prats, Gloria Serra, Pedro Piqueras, Miguel Ángel Revilla, Josep Pedrerol, Manolo Lama, Andrés Iniesta, Jesús Vidal, Luis Piedrahita, Juan de los Chunguitos, Arturo Valls, e así ata uns 200. Tamén os asistentes desfrutaron coa actuación do dúo musical Queen Forever Tribute, un dos mellores tributos obra musical e discográfica de QUEEN, un clásico do século XX, do momento con coidadas caracterizacións e unha posta en escena minuciosamente deseñada.