Recomenda de maneira xenérica no Día da Protección de Datos protexer a privacidade nas redes sociais, non conectarse a redes públicas, non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos descoñecidos e usar contrasinais complexas
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día Europeo da Protección de Datos que se celebra o sábado, 28 de xaneiro, pon de manifesto o boom da Intelixencia Artificial (IA) e a súa imprescindible necesidade de recadar datos.
Segundo explica o CPEIG, a IA é unha disciplina do campo das ciencias da computación que se refire a sistemas ou máquinas que imitan a intelixencia humana para realizar tarefas e que poden mellorar interactivamente a partir da información que recompilan. “A IA consiste en intentar que os ordenadores pensen e actúen como os humanos” –explica de maneira sinxela o presidente do Colexio, Fernando Suárez, que apunta tamén que a IA non pretende substituír aos humanos senón que o seu obxectivo é mellorar de forma significativa as capacidades e contribucións humanas polo que é xa na actualidade un activo empresarial moi valioso.
Neste punto, o CPEIG sinala que a protección de datos e a IA formulan varios desafíos importantes:
1. Privacidade: A miúdo a IA baséase en grandes cantidades de datos recompilados de persoas, o que presenta preocupacións sobre como se protexen eses datos e se respectan os dereitos de privacidade das persoas.
2. Transparencia: É importante que as persoas comprendan como funciona a IA e como se toman decisións, especialmente cando se utiliza en aplicacións críticas como a saúde ou a seguridade.
3. Bias (tipo de erro sistemático que pode favorecer certas respostas fronte a outras) e discriminación: A IA pode replicar os prexuízos existentes nos datos de adestramento, o que pode levar a decisións discriminatorias en aplicacións como o emprego ou a aprobación de crédito.. “O sesgo en intelixencia artificial xurdiu coa implementación deste tipo de tecnoloxía e, a pesar dos esforzos por eliminalos, parecen ser insuficiente" –indica Suárez–.
4. Seguridade: A IA pode ser vulnerable a ataques, e os datos que se utilizan para adestrar e operar os sistemas de IA poden ser obxecto de ataques cibernéticos.
5. Responsabilidade: É importante asegurarse de que as persoas ou entidades que desenvolven ou utilizan a IA asumen a responsabilidade das súas accións e decisións, e están preparadas para abordar os problemas éticos e legais que poidan xurdir.
Así, o presidente asegura que é importante ter en conta estes desafíos á hora de desenvolver e utilizar a IA de maneira responsable, e traballar para atopar solucións sólidas a estes problemas.
Necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos
De maneira xenérica, o CPEIG ofrece tamén unha serie de ciberconsellos á sociedade para facer un uso seguro da tecnoloxía. Fernando Suárez, presidente do CPEIG, considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:
• Non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.
• Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.
• Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN).
• Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.
• Ser cauto á hora de conectar dispositivos extraíbles a un equipo cando proveñen de terceiros.
• Avisar dos incidentes de seguridade.
• Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastreados.
• Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.
• Usar contrasinais complexas e únicas.
• Eliminar documentación sensible dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro.