Transmite aos máis pequenos os perigos da rede e os segredos da ciberseguridade a través do conto “Ciberseguridade con Sofía”, coeditado en 2021 coa Xunta de Galicia
Fernando Suárez, presidente: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, indicándolles a importancia da seguridade online e actuando como referentes de comportamento dixital”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase ao Día da Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID, polas súas siglas en inglés), un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea e organizado en España polo Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), que se celebrou o pasado 7 de febreiro [#DíaDeInternetSegura].
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destaca que esta efeméride, que este ano cumpre o seu 20 aniversario, está destinada a promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos, e concienciar sobre a seguridade en internet. Co obxecto de destacar o carácter positivo de internet, o lema de 2023 é "Xuntos por unha Internet mellor" para fomentar entre os máis novos e os seus contornos máis próximos un uso seguro, responsable e positivo das tecnoloxías dixitais, promocionando as súas competencias nesta materia e axudándolles a ser respectuosos, críticos e creativos, en liña cos principios dixitais europeos seguindo a ‘Estratexia Europea para unha Internet mellor para os nenos’ (BIK+), adoptada en maio de 2022.
En concreto, o presidente do CPEIG destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, indicándolles a importancia da seguridade online e actuando como referentes de comportamento dixital” –sinala–.
O CPEIG coeditou en 2021 coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, “Ciberseguridade con Sofía”, un conto destinado a nenos e nenas de entre sete e doce anos no que se mestura narración e ilustración. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico os perigos da rede e os segredos da ciberseguridade. Este publicación achega aos máis novos valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet. Ver publicación
Consellos: aplicar o sentido común para evitar software malicioso, actualizar o sistema operativo, instalar un bo antivirus, realizar copias de seguridade, ter precaución coas redes Wi-Fi públicas e usar controis parentais
Ademais das características propias de seguridade dos equipos tecnolóxicos, é fundamental que os usuarios tomen conciencia da importancia de reforzar a súa ciberseguridade. O CPEIG recorda algunhas medidas básicas de protección para mitigar os riscos e protexer os datos persoais e profesionais:
Sentido común. A prudencia é a mellor barreira contra o malware (software malicioso). Coida especialmente o apartado de descargas e instalación de aplicacións de sitios non seguros; a navegación por determinadas páxinas de internet; a apertura de correos electrónicos ou arquivos engadidos non solicitados ou que chegan de remitentes descoñecidos, ou os que chegan de redes sociais ou aplicacións de mensaxería que conteñen vulnerabilidades explotables polos ciberdelincuentes para as campañas de malware.
Actualiza o sistema operativo e aplicacións. Todos os sistemas operativos contan con ferramentas para manter actualizados os seus equipos. Son de uso obrigado porque inclúen actualizacións de seguridade contra ameazas coñecidas. Tan importante, ou memo máis que a anterior, é a actualización de aplicacións instaladas ás últimas versións, xa que soen incluír parches de seguridade. Cando as versións son máis antigas, teñen maior risco de ser atacadas por ciberdelincuentes que atopan vulnerabilidades no programa.
Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
Protexe os navegadores. Todos os navegadores web inclúen características avanzadas de seguridade, pero débese revisar e configurar a súa activación porque son as aplicacións coas que se accede a internet e os seus servizos. Tamén se debe prestar atención aos avisos sobre sitios inseguros que mostran os navegadores, e revisar as extensións instaladas porque algunhas son fonte frecuente de introdución de malware. Outra posibilidade interesante para mellorar a privacidade é utilizar unha sesión en «Modo Invitado», totalmente desligado do perfil orixinal do usuario, incluíndo configuración ou historial.
Coida os contrasinais. A regra de ouro para estar seguro en liña é contar cun contrasinal aleatoria forte e distinta para cada sitio web, especialmente para uso nos destinados a banca en liña e comercio electrónico. Os contrasinais longos e complexos (combinando números, maiúsculas e símbolos) preveñen os ataques. O uso dun contrasinal diferente para cada conta evita ter todas elas comprometidas a vez cando se produce unha violación de datos. Pódese utilizar xestores de contrasinais que as crean e as recordan.
Realiza copias de seguridade.A realización de copias de seguridade é altamente recomendable para un usuario ou profesional que pretenda protexer a información persoal e corporativa dun equipo informático, ademais de ser una tarefa de mantemento que contribúe á saúde do hardware. As copias de seguridade deben almacenarse nun dispositivo de almacenamento externo ao do equipo ou nun servizo de almacenamento na nube.
Precaución coas redes Wi-Fi públicas. Os puntos de acceso a internet sen fíos e gratuítos estendéronse por múltiples espazos en poboacións, zonas de restauración, aeroportos, estacións de tren ou metro, hoteis e en todo tipo de negocios. Demostradas altamente inseguras, pódense utilizar para unha navegación intrascendental, gardando as debidas precaucións, pero non para accesos que requiran mostrar os teus datos, accesos e contrasinais.
Activa a restauración do sistema. A restauración dos sistemas operativos é unha ferramenta que pode “salvarnos a vida” ante un erro do software, instalación de drivers ou dalgunha aplicación que non funciona correctamente, e tamén ante a entrada dun virus no equipo.
Engade controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.
Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.