Fernando Suárez, presidente: “As estafas telemáticas crecen a un ritmo dun 50% anual en Galicia. Dispoñemos de grandes profesionais, polo que debemos situarnos como referente e transmitir á cidadanía confianza no uso cotiá dos medios tecnolóxicos”
A vogal do Colexio, Pilar Vila Avendaño, participou nunha mesa de debate e falou da cadea de custodia de evidencias dixitais
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora na celebración dunha xornada de formación sobre ciberseguridade organizada o pasado 21 de marzo pola Delegación do Goberno en Galicia no Centro Obra Social ABANCA de Santiago (Auditorio de Cervantes).
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, participou na sesión inaugural da xornada, presentada pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e na que interviñeron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela; o Xeneral Xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González Arias; o Xefe Superior da Policía Nacional de Galicia, Ramón Gómez Nieto; e o director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade de ABANCA, Roberto Baratta.
Fernando Suárez manifestou que a transformación dixital está ocorrendo a unha velocidade vertixinosa, moito máis rápido que a capacidade humana para adaptarnos a novas situacións, e os últimos avances como a web semántica ou o metaverso así o corroboran. “Esta nova realidade é un escenario de todo o bo que sabe facer o ser humano, pero tamén de todo o malo e o crime estase aproveitando desa brecha entre a velocidade coa que avanza a tecnoloxía e a capacidade das persoas para adaptarnos ao cambio” –apuntou–.
Neste punto, Suárez destacou a importancia da ciberseguridade e que “non hai un minuto que perder, nin escatimar recursos e coa imprescindible colaboración e intercambio de información en tempo real”. Indicou que é fundamental concienciar ás persoas sobre os novos comportamentos para a prevención e denuncia, pero tamén é imprescindible proporcionar á sociedade as ferramentas que garantan esa seguridade.
“Na última década, as infraccións penais relacionadas coa ciberseguridade incrementáronse en España máis dun 770 %. Tamén houbo no Estado máis de 40.000 ciberataques diarios en 2021, o que significou un incremento dun 125 % con respecto ao 2020. En Galicia, as estafas telemáticas crecen a un ritmo dun 50% anual. É previsible que esta evolución de carácter practicamente exponencial se manteña, segundo advirte a Unión Europea” –analizou–.
Ademais, matizou que o CPEIG é consciente dos retos e oportunidades que se xeran ao redor da ciberseguridade e apoiará iniciativas divulgativas como a celebrada hoxe e outras como a creación da Rede Galega de Ciberseguridade, o Tegra –centro de ciberseguridade creado por Telefónica e Gradiant, o capítulo galego da asociación ISMS Forum ou o Nodo de Ciberseguridade de Galicia. A nivel formativo, lembrou a creación do Máster Universitario de Ciberseguridade das Universidades de Coruña e Vigo.
Todas elas accións que contan coa colaboración do CPEIG, ao igual que na iniciativa para a mellora das capacidades dos Corpos e Forzas de Seguridade mediante a formación no marco do Plan director ou da creación das Equipos @, merecedores do Premio Iniciativa da Administración da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia do CPEIG, celebrada en 2022. “Galicia dispón de grandes profesionais e empresas tecnolóxicas e, en concreto, no mundo da seguridade, polo que debemos situarnos como referente neste sector e transmitir á cidadanía confianza no uso dos medios tecnolóxicos que forman parte da nosa vida cotiá” –asegurou Suárez–.
A continuación celebrouse unha mesa de debate dirixida a integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado –Policía Nacional e Garda Civil–. Contou coa participación da vogal da xunta de goberno do CPEIG, Pilar Vila Avendaño; ademais de contar do responsable de ciberseguridade e CISO ABANCA, Carlos Pérez Saldaña; o Inspector xefe da Policía Nacional, Santiago Reboyras Martínez; e o Sarxento 1º da Gardia Civil e xefe de equipo APR contra a ciberdelincuencia na Coruña, Alberto González Gómez.
Pilar Vila Avendaño falou da cadea de custodia de evidencias dixitais, a súa necesidade nos procesos xudiciais, ademais de comentar como obter, precintar, depositar e clonar a información para poder dar garantías e defender a integridade da proba.
Finalmente, a xornada foi clausurada por María Rivas e a vicepresidenta da FEGAMP, María Barral.