Pasar al contenido principal

O enxeñeiro informático Diego Cid recibe o Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG por lograr que se poida usar o DNIe en móbiles co sistema operativo iOS mediante unha conexión NFC para diferentes trámites coa administración pública

Premio Iniciativa Emprendedora A NOITE 2023

“Conseguín que isto sexa real e funcione en dispositivos iOS co obxecto de facilitar a vida dos cidadáns en canto ás tramitacións burocráticas”

O ourensán desenvolveu as Apps Tr@mite, Firm@ e Valid@ co uso do DNIe ou certificados dixitais 

Recollerá a distinción na gala da XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 16 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Emprendedora da "XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao enxeñeiro informático, Diego Cid Merino, colexiado galego que deseñou un conxunto de Apps que facilitan a relación coa administración pública e permiten o uso de medios dixitais como o DNIe ou certificados dixitais para realizar distintas operación directamente desde o móbil. 

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a trece categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Cid Merino desenvolveu a aplicación Tr@mite que permite o acceso a multitude de trámites de distintas administracións públicas nacionais, autonómicas e locais utilizando a validación con DNIe, certificado dixital, cl@ve permanente e cl@ve pin. Ademais, permite asinar documentos pdf con DNIe ou certificado dixital. 
[App para Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.tramite; App para iOS: https://apps.apple.com/es/app/tr-mite/id1567585085].

Outro dos seus proxectos foi a App Firm@ que permite asinar documentos pdf con DNIe ou certificado dixital. 
[App para Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.cqesolutions.firma; App para iOS: https://apps.apple.com/es/app/firm/id1564700621]. 

A terceira App é Valid@ que permite consultar o estado e o contido dun certificado dixital ou dun DNIe, incluíndo a data de caducidade e a validación no servizo oficial da FNMT dos seus certificados. 
[App para Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.cqesolutions.valida; App para iOS: https://apps.apple.com/es/app/valid/id1566769638].

O fito importante que conseguiu Cid Merino nestes días é que xa é posible usar o DNIe en iOS mediante unha conexión NFC. Nestes momentos explica que é posible o acceso a un conxunto reducido de administracións na App Tr@mite, entre elas a Axencia Tributaria. Tamén conseguiu asinar pdfs co DNIe en móbil iOS, liberando unha nova versión de Firm@ e utilizando a conexión NFC. 

“Esta funcionalidade, que si existía en Android desenvolta e posta a disposición para outros desarrolladores por parte da FNMT, non tiña un reflexo en iOS porque non había desarrolladores especializados neste sistema operativo que resolvesen a situación. Conseguín que isto sexa real e funcione en dispositivos iOS co obxecto de facilitar a vida dos cidadáns en canto ás tramitacións burocráticas”, comenta o enxeñeiro.

Máis de quince anos de experiencia no desarrollo de software

Diego Cid Merino (Ourense, 1980) é enxeñeiro en informática pola Universidade de Vigo (UVigo no Campus de Ourense), especializado en Desarrollo de software. Traballa como director de Proxecto, certificado PMP e SCRUM, en Imatia Innovation, con máis de quince anos de experiencia no desarrollo de software en diferentes entornos e actualmente realizando proxectos para o sector das administracións públicas. Anteriormente, implicouse en proxectos de distintos ámbitos, como a xestión de proxectos dun importante cliente do sector téxtil, o desenvolvemento do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia (AXUDE), a implantación de aplicacións de xestión de expedientes (cividas) en diferentes administracións públicas ou a creación de diferentes solucións a medida, utilizando como tecnoloxía principal Java con diferentes frameworks e utilidades (ontimize, Spring, maven, cxf), aínda que tamén ten experiencia en linguaxes como swift, php, C#, C++ e pascal. Tamén traballou anteriormente noutras empresas tecnolóxicas como Indra, Tecnocom e varias empresas de desarrollo de software. Foi docente en múltiples ocasións.