Os colexios profesionais de enxeñaría e enxeñaría técnica en informática de Galicia (CPEIG e CPETIG), conxuntamente co Observatorio Galego da Sociedade da Información, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, están a elaborar un estudo sobre a situación profesional dos enxeñeiros e enxeñeiras técnicos/as en informática galegos. Este traballo inclúe a realización dunha enquisa e o posterior informe de diagnose.
A enquisa estudará a situación dos profesionais das tres titulacións de enxeñaría en informática (Enxeñaría en Informática, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión) egresados das tres universidades galegas. Para iso contará tamén coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) en representación das universidades.
Para obter un diagnóstico preciso a enquisa inclúe preguntas agrupadas en varios bloques temáticos nos que se recollen todos os aspectos relevantes que contribúan a analizar o perfil actual deste colectivo. O estudo incluirá, entre outros indicadores, a porcentaxe de enxeñeiros/as que está traballando dentro e fóra de Galicia, a súa distribución xeográfica, o tipo de traballo que están a desenvolver, o tipo de industria e sector que os empregan, as súas necesidades formativas, o grao de satisfacción persoal coa profesión ou as súas expectativas profesionais Os resultados finais do estudo serán publicados para a súa libre distribución na Rede. As persoas participantes na enquisa optarán a un sorteo de premios.
O colectivo profesional dos enxeñeiros/as en informática, está especialmente ligado ao sector das TIC, constituíndo un activo fundamental na construcción da Sociedade da Información e na modernización de Galiza.
Esta iniciativa está emarcada dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que pretende poñer en valor todo o potencial de innovación e investigación, definindo as directrices para que o noso país estea en disposición de absorber este conxunto de profesionais altamente cualificados.