Pasar al contenido principal

O CPEIG apoia o primeiro manifesto para impulsar a cidadanía dixital

Día de Internet 2023

Foi elaborado polas 60 organizacións do Comité de Impulso do Día de Internet [17 de maio] para reducir a brecha dixital 

Inclúe un decálogo de medidas para facilitar a plena inclusión de todas as persoas nunha sociedade cada vez máis dixital

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase ao Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información, coñecido como Día de Internet, efeméride declarada pola ONU en 2006 que se celebra o 17 de maio co obxecto de dar a coñecer as posibilidades das novas tecnoloxías para a mellora do nivel de vida da sociedade e promover o seu bo uso.

O Consejo General de Colegios Oficiales Profesionales de Ingenieros / Ingenieras en Informática (CCII) é unha das máis de 60 organizacións asinantes do manifesto "Cidadanía dixital: Dereitos e oportunidades" do Día de Internet 2023 (#DíadeInternet2023, #diadeinternet  #ddi2023 #ManifiestoCiudadaníaDigital), un texto que foi presentado polo Comité de Impulso do Día de Internet, do que forma parte o CCII, no encontro anual de Editores, organizado polo Club Abierto de Editores (CLABE).

O presidente do CPEIG e presidente do CCII, Fernando Suárez, sinala que este manifesto é unha ferramenta que pode axudar a impulsar a cidadanía dixital para non deixar atrás a ningún colectivo. “A finalidade é conseguir apoios para lograr unha cidadanía dixital plena e respectuosa cos dereitos de todos e todas, e situar así ás persoas no centro dun mundo cada vez máis dixitalizado” –explica–.

Segundo define a UNESCO, “Cidadanía Dixital” é o conxunto de habilidades que permite aos cidadáns acceder, recuperar, comprender, avaliar e utilizar, crear e compartir información e medios en todos os formatos, utilizando diferentes ferramentas tecnolóxicas, de maneira crítica, ética e creativa".

O manifesto inclúe un decálogo con 10 medidas para facilitar o acceso e o uso das tecnoloxías dixitais e para o seu empoderamento na sociedade da información, co fin de garantir a plena inclusión de todas as persoas nesta nova sociedade dixital.

Descarga manifesto e formulario de subscrición: 
www.diadeinternet.org/manifiesto

Dispositivos electrónicos “a punto” con antivirus actualizados, usar conexión segura e nunca redes Wifi públicas e ferramentas de pago fiables como PayPal ou tarxetas de prepago

Por outra parte, o CPEIG ofrece unha serie de recomendacións con motivo do Día de Internet sobre o chamado e-commerce ou comercio electrónico, un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día.

Fernando Suárez, explica que cada vez mércase máis e máis de forma online, o que provoca o aumento das transaccións por internet. Asegura que mercar en tendas online é segura, pero sempre seguindo unha serie de pautas de seguridade, e por suposto aplicar o “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”.

En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTS e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”.

Pero o comprador debe ter en conta outros aspectos técnicos para o momento das compras online. O CPEIG asegura que é preciso ter sempre os dispositivos electrónicos “a punto” –ordenadores, móbiles, tablets–, con aintivirus instalados e actualizados para descartar virus capaces de recompilar información persoal ou bancaria do dispositivo. Tamén é recomendable usar unha conexión segura a internet, evitando redes Wifi públicas que non ofrecen ningunha garantía de seguridade.

Unha vez que se atopa o produto desexado, o CPEIG destaca que o consumidor debe revisar a fondo a información desa tenda online: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Tamén é recomendable indagar sobre a tenda online en buscadores, redes sociais e foros e revisar as opinións doutros usuarios. 

Xa con todo preparado para a compra, o CPEIG recomenda usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local.