Úsase en máis de 120 centros de día e residencias de España para facilitar unha atención personalizada, beneficiando a máis de 1.000 persoas maiores, profesionais e familias
A súa CEO, Noelia López, recollerá a distinción na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio E-Inclusión da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” de 2023 a Envita, unha start-up viguesa que desenvolve unha plataforma tecnolóxica de solucións dixitais que permite promover o empoderamento das persoas maiores, poñendo en valor a súa traxectoria de vida e fomentando a súa autonomía.
A CEO de Envita (https://envita.es/), Noelia López Vázquez, explica que a plataforma, creada en 2019, permite ofrecer unha atención integral ás persoas maiores para mellorar a súa calidade de vida, máis alá de calquera posible enfermidade, centrándose no seu proxecto vital, co obxecto de recompilar a súa traxectoria de vida. “Coñecer para coidar mellor, ese é o propósito da plataforma que pretende unha maior humanización no trato destas persoas maiores nos máis de 120 centros de día e residencias nos que estamos actualmente en toda España, ademais de poder implementarse nos propios domicilios”– explica–. Ata o momento, destacan entre os seus clientes Afundación, Lares, Savia, Saraiva e DomusVi beneficiando a máis de 1.000 persoas maiores, profesionais e familias.
Esta ferramenta, pioneira en España, axuda aos profesionais dos centros a mellorar o seu servizo incorporando a historia e o proxecto de vida das persoas maiores, ofrecendo así unha atención personalizada en función dos intereses, desexos e afeccións de cada persoa. “Provocamos un cambio de mirada cara as capacidades e os talentos das persoas, para coñecelos e potencialos e mesmo axudamos creando un espazo de estimulación da memoria. Pero en moitas ocasións, e grazas a axuda indispensable das familias, conseguimos nutrir o contido e crear así a banda sonora dunha vida con imaxes, vídeos, gravacións, datos persoais e experiencias” –asegura Noelia López–. Con este engadido de información créase o diario vital, ordenado cronoloxicamente.
Este programa chámase ‘Envita Stories’ e axuda a incorporar as historias de vida no día a día de todas aquelas organizacións que coidan e apoian proxectos de vida con sentido, como base do bo trato e esencia da atención centrada na persoa. O programa conta con materiais didácticos como a guía persoal, o caderno de notas e inspiración, as caixas da memoria, unha baralla de cartas para conversas interxeracionais e mesmo retratos ilustrados personalizados.
Un Libro de Vida, en colaboración con Afundación
Un dos proxectos no que actualmente está involucrada Envita é “Historias vividas”. Esta iniciativa púxose en marcha hai tres anos en colaboración con Afundación e pretende apoiar e acompañar ás persoas maiores na experiencia de recompilar as súas historias de vida online para posteriormente realizar de forma automática un Libro de Vida para compartir coas persoas importantes, ben sexan familiares ou amigos.
Ademais, a empresa ten en marcha outros proxectos en colaboración con diferentes entidades que acceden á plataforma e ás historias dos seus protagonistas, cerrando xa neste 2023 unha ronda de financiamento de 500.000 euros, liderada pola xestora de investimento de impacto Ship2B, XesGalicia e Vigo Activo, para impulsar a plataforma, abrir novos mercados e potenciar a ferramenta tecnolóxica. Tamén o centro tecnolóxico Gradiant ten en marcha un desarrollo con Intelixencia Artificial que aportará ideas de actividades para facer coas persoas maiores.
Envita foi seleccionada como proxecto finalista na sexta edición dos premios da aceleradora Vía Galicia pola súa tecnoloxía avanzada, innovación e orixinalidade. Participa tamén en programas de innovación como InnovaPeme e DeseñaPeme.
O galardón entregarase na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Noelia López recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.