Incorpora tecnoloxías intelixentes –catorce ferramentas habilitadoras como Big Data, vehículos autónomos, robótica, Intelixencia Artificial, Blockchain, 5G ou drones– para alcanzar unha maior competitividade e sostibilidade
O director de Tecnoloxía e Transformación Dixital de Navantia, Donato Martínez Pérez de Rojas, recollerá a distinción na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa Empresarial da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” de 2023 a Navantia, empresa pública española (Grupo SEPI) referente no deseño e construción de buques militares de alto contido tecnolóxico para a Armada española e outras Mariñas, ademais de buques civís. Navantia ten instalacións na ría de Ferrol, onde realiza construción naval, reparacións, apoio ao ciclo da vida, propulsión e xeración, ademais de elementos para enerxía eólica mariña, e tamén na baía de Cádiz e en Cartaxena. A xunta de goberno do CPEIG outórgalle esta distinción polo seu traballo de dixitalización nun sector tan tradicional e de referencia como é o naval en Galicia.
A transformación dixital e a sostibilidade son os eixos de futuro de Navantia, unha compañía que na actualidade desenvolve tecnoloxía punta e ten un efecto tractor en toda a cadea de valor, innovando e creando emprego altamente cualificado e crecemento. O director de Tecnoloxía e Transformación Dixital de Navantia, Donato Martínez Pérez de Rojas, sinala que “el reto para lograr la transformación digital de una empresa con más de 400 años de historia como es el caso de Navantia es involucrar a todos los empleados de la compañía, conseguir que las personas adopten lo digital y prepararlas hacia los nuevos horizontes temporales que enmarcan la Navantia 5.0”.
A transformación de Navantia comezou coa mellora dos procesos e ferramentas de toda a cadea de valor e pola renovación dos seus centros de produción para incluílos plenamente no novo ecosistema dixital, o ‘Astillero 4.0’, un proxecto centrado na conversión das instalacións a “factorías intelixentes” seguindo cinco aspectos fundamentais: a creación dun ecosistema dixital e conectado e a incorporación do cliente a todo o proceso, situándoo no centro; e o desenvolvemento de innovación en produtos e servizos que lle permitan unha oferta integrada e completa grazas ás novas ferramentas dixitais. Búscase explotar os datos xerados en toda a cadea de produción e distribución, mediante o uso de 'big data' e analítica. Nas plantas de produción estanse integrando novas tecnoloxías para lograr a excelencia operacional.
O proxecto “Astillero 4.0” de Navantia identifica un total de 14 tecnoloxías clave ou KETs (Key Enabling Technologies) para apoiar á cadea de valor. Estas tecnoloxías pasan por traballar máis na nube, comunicacións 5G que permitirán ter maior conectividade dentro das fábricas e estaleiros e realidade aumentada e mixta para mellorar o acceso á información dos traballadores, así como robótica, que será clave na parte de fábrica e procesos, fabricación aditiva, RPA, Blockchain, vehículos autónomos, drones…
Plataforma de Xestión da Seguridade Física, desenvolta por Emetel
Navantia dispón dunha Plataforma de Xestión da Seguridade Física, desenvolta pola consultora tecnolóxica coruñesa Emetel, unha contorna dixital que optimiza procesos de seguridade transformando os datos en intelixencia de maneira integral –por terra, mar e aire–, integrada no proxecto Astillero 4.0 e baseada na innovación tecnolóxica e con resiliencia a fallos. “Se trata de la única plataforma en el mercado con módulo de inteligencia integrado en el flujo de los procesos de seguridad, para la detección de accidentes y la desaparición de objetos, la revisión de cargas en camiones y la detección de comportamientos de violencia o pánico” –explica Donato Martínez–.
Esta plataforma tamén dispón de innovación operativa para a simulación de escenarios reais ou creados, funcionando como unha ferramenta para verificar procesos de seguridade e adestrar aos operadores. Outra faceta da plataforma é ofrecer interoperabilidade con innovación no intercambio de datos.
En definitiva, esta plataforma xestiona máis de sete centros de traballo con máis de 35.000 usuarios, 1.500 cámaras de vixilancia, 300 puntos de control de acceso, 1.600 detectores de intrusión e 88 TB de almacenamento de datos.
O galardón entregarase na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Donato Martínez Pérez de Rojas recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.