Pasar al contenido principal

O CPEIG outorga o XIV Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática ao cullerdense Rubén Pérez Jove polo deseño dunha ferramenta de identificación de sistemas operativos baseada en Intelixencia Artificial

Rubén Pérez Jove. gañador do Premio TFM 2023

Os outros finalistas foron Alejandro Mosteiro, que desenvolveu unha ferramenta de axuda para os administradores no seu traballo baseada en Internet das Cousas, e Hilda Romero, que creou unha web e aplicación móbil para axudar aos pianistas nos seus ensaios e actuacións

O premio entregarase o 16 de xuño no evento da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática a Rubén Pérez Jove polo seu proxecto de deseño e desenvolvemento de fingerAI, unha nova ferramenta no ámbito da ciberseguridade, de código aberto e facilmente extensible, para resolver a tarefa de fingerprinting de Sistemas Operativos (SOs) utilizando Intelixencia Artificial (IA).

Co Premio Traballo Fin de Máster, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación, ao que se engade unha gratificación económica de 1.000 euros para a persoa gañadora. A avaliación dos traballos presentados, todos eles correspondentes ao fin de máster dos anos 2021, 2022 e 2023, correu a cargo dunha comisión experta integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña.

Rubén Pérez Jove: “Calquera profesional do ámbito da ciberseguridade que se dedique á protección ou á auditoría de redes informáticas podería utilizar fingerAI no seu traballo diario”

O enxeñeiro en informática pola Universidade da Coruña (UDC), Rubén Pérez Jove (O Burgo, Culleredo, 1998), presentou o seu TFM “Development of an Operating System Fingerprinting Tool Based on Artificial Intelligence” en 2022. Deseñou e desenvolveu unha ferramenta de fingerprinting de sistemas operativos (SOs) baseada en Intelixencia Artificial (IA). O fingerprinting busca identificar información relevante dunha máquina, coma a súa versión ou familia de SO, analizando unicamente seu tráfico de rede. 

Esta tarefa é moi relevante dentro do ámbito da ciberseguridade. Para o desenvolvemento de fingerAI, Rubén Pérez empregou prácticas ben asentadas dentro da enxeñaría do software, coma principios e patróns de deseño, para conseguir una ferramenta facilmente adaptable e extensible. 

“Cando un profesional da ciberseguridade pretende monitorizar unha rede, ou auditala para descubrir posibles problemas de seguridade, unha das principais tarefas que realiza é o fingerprinting de sistemas operativos. Desta forma, pódese saber remotamente, analizando só o tráfico de rede, que máquinas existen na rede e de que tipo son: Windows, Linux, Mac, Android, iPhone... Por outra banda, a IA está a cobrar cada vez máis relevancia en calquera ámbito da nosa vida, e tamén na ciberseguridade. Con fingerAI pretendía crear unha ferramenta que aplicase IA a esta tarefa, para que calquera profesional da ciberseguridade a puidese utilizar no seu traballo diario. Ademais, un dos obxectivos principais era obter unha ferramenta facilmente extensible que estivese dispoñible de forma pública como proxecto de código aberto, de tal forma que calquera profesional ou investigador puidese ampliala e adaptala ás súas necesidades”, explica o enxeñeiro.

Esta ferramenta pode resultar crucial en diferentes procesos relacionados coa ciberseguridade, como detalla o premiado, tanto no aspecto ofensivo como no defensivo. Algunhas das súas múltiples aplicacións son: a determinación de vulnerabilidades nun equipo, o inventariado da infraestrutura informática, ou a detección de dispositivos non autorizados na rede. A súa interface permite ademais integrala de forma sinxela con outras ferramentas de ciberseguridade, en fluxos máis complexos de procesamento de datos.

Actualmente, Rubén Pérez Jove traballa na súa tese doutoral nunha temática relacionada co seu TFM, na procura da aplicación de técnicas de IA no ámbito da ciberseguridade. O investigador está adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e forma parte do grupo de investigación RNASA-IMEDIR da Universidade da Coruña (UDC). Adicionalmente participa en multitude de competicións e retos, así como en xornadas e charlas de divulgación e concienciación en ciberseguridade.

O CPEIG considera que se trata dunha iniciativa relevante para Galicia, que debe tomar o lugar que lle corresponde no ámbito da ciberseguridade e a IA, tanto a nivel nacional como internacional. Iniciativas deste tipo supoñen un impulso común para acadar ese fin, e complementan os esforzos xa existentes nestas materias como o nodo Ciber.gal ou a Agencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

Finalistas do Premio TFM

Nesta décimo cuarta edición do galardón foron tamén finalistas Alejandro Manuel Mosteiro Vázquez, como segundo clasificado, e Hilda Romero Velo, como terceira, ambos da UDC. O proxecto do enxeñeiro en informática Alejandro Manuel Mosteiro (Venezuela, 1991. Residente en Arzúa, A Coruña), “Monitorización de infraestruturas TI incorporando sensórica baseada en IoT”, ten por obxecto proporcionar aos centros de datos unha alternativa de sistema de monitorización de código aberto, brindando aos administradores unha ferramenta poderosa que integra sensores de hardware aberto compatibles con Arduino e integrados nunha contorna Zabbix. 

O sistema está baseado en protocolos e estándares IoT (Internet das Cousas), para que sexa o máis flexible e modular posible, dando a posibilidade de engadir sensores personalizados de forma sinxela con só indicar a súa dirección IP e tipo de dispositivo. O sistema está destinado a ser unha ferramenta de axuda para os administradores no seu traballo, fácil de usar a través de interfaces amigables e un deseño orientado a móbil para que poidan acceder desde calquera lugar onde se atopen. 

O proxecto foi defendido por Alejandro en setembro de 2022 e, na actualidade, séguese a traballar nesa liña como parte do seu proxecto de tese de doutoramento, coa intención de mellorar os resultados obtidos e ampliar as funcionalidades para conseguir aplicar técnicas de predición de erros mediante intelixencia artificial e técnicas de realidade virtual e realidade aumentada para ofrecer interfaces máis modernas, adaptadas ás novas tendencias. 

O proxecto da enxeñeira en informática Hilda Romero (A Coruña, 1999) ten como finalidade axudar aos pianistas, tanto estudantes coma profesionais, ao longo da aprendizaxe inicial das partituras e durante as actuacións, é dicir, na súa formación e vida profesional. Trátase dunha extensión do proxecto Fugatra, desenvolvido pola estudante como Traballo Fin de Grao no curso 2020/2021, que xorde da dificultade que afrontan os intérpretes á hora de identificar os erros que cometen, aportando unha solución en forma de aplicación web.

Concretamente, Fugatra proporciona un portal no que os usuarios poden subir as súas propias partituras en formato MusicXML, conectar o seu teclado, gravar a entrada MIDI e obter unha representación gráfica dos desacertos que cometeron mentres tocaban a partitura. Neste novo proxecto retómase o propósito xeral e preséntanse novos avances dentro dos bloques establecidos no plan de futuro definido para Fugatra. Agora, nesta aplicación web poderase seleccionar a pasaxe a ensaiar, desprazarse pola partitura mediante o recoñecemento de voz permitindo ao usuario crear as súas propias configuracións segundo onde precisa situarse en cada momento na obra e descargar a partitura en formato PDF co zoom desexado.

Ademais, tendo en conta que a conexión a Internet en salas de concertos e auditorios pode non ser o suficientemente estable como para que o músico empregue a web de Fugatra, Hilda desenvolveu unha aplicación móbil para ofrecer o servicio de desprazamento pola partitura en modo offline, sen necesidade de preocuparse pola conexión á rede. Deste xeito, despois de descargar as partituras almacenadas na web no seu propio dispositivo, o usuario poderá visualizalas e moverse por unha obra novamente segundo as súas propias configuracións pero, nesta modalidade, usando dúas pulseiras Bluetooth con recoñecemento de movemento axustables aos nocellos dos pés para indicar os desprazamentos. 

Deste xeito, Fugatra busca achegar a cultura musical a máis xente, facilitando a aprendizaxe e axudando aos intérpretes nos pequenos quefaceres pondo solucións aos seus contratempos, nun principio alleos ao ollo do público, mais, aínda así, reais. Ao fin, Fugatra é unha mostra de como a enxeñería informática se incorpora ao mundo para acompañar ás persoas no seu día a día, facilitándolle cumprir cos seus obxectivos con eficiencia e permitíndolle dedicar o seu tempo e a súa atención ás labores propias.

O galardón entregarase na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Rubén Pérez recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.