Miguel Ángel Amutio, conferenciante: “La digitalización requiere de un proceso continuo en el tiempo para adaptarse a las tendencias, entre las que la inteligencia artificial tendrá un impacto especialmente considerable”
Inaugurouse o 12 de setembro a décimo terceira edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 24 de outubro na EGAP, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inaugurou o pasado 12 de setembro a décimo terceira edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2023, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Fernando Suárez falou da importancia da administración electrónica, así como dos seus desafíos e oportunidades, “unha cuestión non só de tecnoloxía, senón de servizo ao cidadán”. Considerada como unha ferramenta poderosa para mellorar a eficiencia, transparencia e accesibilidade da administración pública e a interacción do goberno e os cidadáns, o presidente do CPEIG asegurou que actualmente a administración electrónica é xa “unha realidade que está transformando a maneira na que operan as institucións públicas en todo o mundo”.
Non obstante, o presidente do CPEIG sinalou que a súa implantación non está exenta de desafíos: a brecha dixital, a seguridade de datos, a resistencia ao cambio, o investimento e recursos, e a lexislación e regulación, e para superalos será fundamental contar con funcionarios públicos capacitados e comprometidos. “Debemos de ser capaces de transformar estes desafíos en fortalezas, de modo que a administración electrónica sexa unha ferramenta para transformar as nosas institucións públicas, modernizalas e brindar un mellor servizo aos cidadáns” –indicou–.
En canto ás oportunidades, Suárez enumerou numerosas vantaxes da administración electrónica, como a eficiencia e a produtividade, accesibilidade con servizos en liña 24 horas os sete días da semana, transparencia, participación cidadán, redución de custos e innovación.
Como peza fundamental no proceso, Fernando Suárez destacou que están os empregados públicos, “actores clave nunha implantación de éxito da administración electrónica, fundamentais neste proceso de transformación”, posto que o seu trabalo pode mellorar a vida dos cidadáns e facer que os servizos públicos sexan máis eficientes e accesibles.
O presidente do Colexio manifestou que o curso, que nesta edición superou as 400 solicitudes de matrícula, é unha oportunidade para adquirir os coñecementos e habilidades necesarias para liderar esta transformación. “Hoxe marcamos o inicio dunha viaxe cara a modernización das nosas prácticas administrativas, cara unha administración máis eficiente, próxima ao cidadán e transparente. A dixitalización bríndanos a oportunidade de achegar o goberno aos cidadáns, de facer que os servizos públicos sexan máis accesibles e de promover a participación activa da sociedade na toma de decisións” –asegurou–.
Pola súa parte, Sonia Rodríguez-Campos apuntou que durante as próximas semanas os participantes recibirán “unha formación completa, actualizada e de calidade que lles permitirá coñecer o desenvolvemento normativo que regula a Administración dixital e as súas ferramentas”. Lembrou que os diferentes relatorios programados serán imprescindibles para mellorar as competencias dixitais e asumir con facilidade novos procedementos de traballo, o que contribuirá a conseguir unha Administración máis eficaz, eficiente, próxima, transparente e accesible. "A formación en competencias dixitais é un dos alicerces desta Escola. Así o demostra a ampla programación que vimos ofrecendo durante os últimos anos nesta materia, principalmente dirixida ao persoal empregado público pero tamén á cidadanía a través da iniciativa Universo EGAP Innova” –explicou–.
Presente e futuro da administración electrónica
Por outra parte, o curso foi aberto cunha lección maxistral a cargo de Miguel Ángel Amutio, colexiado de honra do CPEIG. “Presente e futuro da Administración electrónica” foi o título escollido para a súa intervención.
Amutio explicou que tras oito anos coas leis 39/2015 e 40/2015 en activo, a dixitalización da Administración progresou notablemente en España, “fruto de un esfuerzo colectivo, multidisciplinar y sostenido en el tiempo”. Destacou que a confluencia de factores como a necesidade e demanda da sociedade, a traxectoria de antecedentes, o impulso ao máis alto nivel, o contexto europeo, a articulación dun marco legal favorable, así como o desenvolvemento dos servizos e solucións que fan da Administración electrónica ou dixital unha realidade práctica.
O conferenciante apuntou que aos factores anteriores sumáronse outros como o potencial de financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que está a canalizar recursos para mellorar a atención ao cidadán; as operacións intelixentes; o goberno de datos; as infraestruturas dixitais; e a ciberseguridade, no contexto das directrices establecidas na Axenda España Dixital. e no Plan de Dixitalización das Administracións Públicas 2021 - 2025.
Así, Amutio ofreceu aos asistentes unha perspectiva global das claves da transformación dixital da Administración, tendo en conta o contexto xeral de tendencias; os elementos fundamentais da dixitalización; a onde imos e a onde nos leva a Unión Europea; as grandes pezas da administración electrónica; a situación en España e como se percibe desde o exterior; a axenda para impulsar a transformación dixital da Administración e o seu contexto como panca impulsora da evolución tecnolóxica do país. Finalmente, Amutio falou dos retos que se poden prever. “La digitalización requiere de un proceso continuo en el tiempo para adaptarse a las tendencias, entre las que la inteligencia artificial tendrá un impacto especialmente considerable” –manifestou–.
Formación transversal
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 70 empregados públicos, desenvolverase do 12 de setembro ao 24 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 12, 19 e 26 de setembro e o 3 e 10 de outubro na EGAP, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.