Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Xunta de Galicia promoven o uso responsable de internet entre a comunidade educativa

Convenio Navega con Rumbo 2023

O presidente do Colexio, Fernando Suárez, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver o programa “Navega con rumbo”

Realizaranse 240 xornadas divulgativas en centros escolares para o alumnado, profesorado e familias co fin de evitar o ciberacoso e outros perigos da rede 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades de difusión e formación do programa “Navega con rumbo”, destinado á promoción do uso responsable das novas tecnoloxías entre o alumnado da comunidade educativa. Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, encáixase dentro da Estratexia de Educación Dixital 2030 da Administración autonómica. O acordo foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

A iniciativa está encamiñada, por unha banda, ao alumnado para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede; e por outra, para o profesorado e familias, facéndoos partícipes das recomendacións que eles poden aprender, de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado. Programaranse 240 charlas de concienciación dunha hora de duración durante o curso escolar 2023-2024, destinadas á comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º de Educación Secundaria Obrigatoria e 1º de ciclos de Formación Profesional de grao básico.

Estas xornadas divulgativas estarán impartidas por colexiados e colexiadas do CPEIG que expoñerán as recomendacións e consellos necesarios para navegar con rumbo pola rede. Ademais, o programa dispón dunha web [https://navegaconrumbo.cpeig.gal] e unhas guías de boas prácticas en internet para o alumnado, proxenitores ou titores, e o profesorado accesibles en soporte dixital neste sitio web, e en formato impreso nos propios centros escolares.

Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con rumbo leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.