A regulación profesional, a colaboración coas administracións, universidades e empresas, a difusión social da profesión e o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, serán as súas principais liñas de traballo
Fernando Suárez:
“É moi emocionante vivir nestes momentos unha profesión que está cambiando o mundo, polo que é fundamental intentar que a sociedade non teña medo á informática e ensinarlle a utilizar as súas ferramentas de forma segura e consciente”
A nova directiva constituíuse hoxe nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, tras un proceso electoral no que só houbo unha candidatura que se proclamou electa
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presenta a súa xunta de goberno, tras un proceso electoral no que non se celebraron votacións ao contar cunha soa candidatura, que finalmente se proclamou electa. A xunta de goberno para o período 2023-2027, que se constituíu hoxe nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, está formada por:
Presidente: Fernando Suárez Lorenzo
Vicepresidenta: Susana Ladra González
Secretario: Juan José González Cid
Vicesecretario: Roberto Vieito Raña
Tesoureiro: Francisco Javier Rodríguez Martínez
Vicetesoureira: Lorena Otero Cerdeira
Vogal 1: Benigno Rosón Calvo
Vogal 2: María Pilar Vila Avendaño
Vogal 3: José Manuel Vázquez Naya
Vogal 4: Iván Luis Vázquez
“A clave é que estou rodeado de xente máis boa que eu, e conformamos un grupo unido que traballa para defender os intereses dos colexiados e colexiadas. Recibimos mensaxes de compañeiros para continuar co traballo realizado nos últimos catro anos e, xa ao rexistrarse esta única candidatura electoral, chegáronnos tamén felicitacións por esta nova etapa que agora iniciamos” –indicou Suárez–.
O presidente explicou que, tendo como estandarte a vocación de servizo ao corpo colexial, o CPEIG persegue o obxectivo, en Galicia e a través do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática, de situar á profesión nun lugar destacado. Ademais, Fernando Suárez asegurou que o CPEIG actuará como un axente activo a nivel social, difundindo valores en defensa da profesión á cidadanía, ás administracións públicas, á universidade e ás empresas. “É moi emocionante vivir nestes momentos unha profesión que está cambiando o mundo e que é un facilitador en moitos ámbitos da vida, polo que é fundamental intentar que a sociedade non teña medo á informática e ensinarlle a utilizar as súas ferramentas de forma segura e consciente” –afirmou–.
Fernando Suárez manifestou que a función da nova xunta de goberno para os vindeiros catro anos será continuar traballando na regulación profesional, dado o crecente impacto da actividade da enxeñaría en informática na sociedade actual. Tamén sinalou que outras liñas do equipo serán seguir colaborando coas administracións públicas para a modernización da xestión administrativa, como acontece coa organización anual do Curso Superior de Administración Electrónica coa Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública; soster a colaboración co sector privado para o progreso e dixitalización de produtos e procesos; incentivar a colaboración coas universidades na adaptación e actualización dos plans de estudo, segundo a demanda actual do mercado laboral en materia das TIC; fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, en especial entre as rapazas, organizando obradoiros formativos como os que forman parte do programa TechKids posto en marcha coa Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, ou as diversas xornadas que se programan con motivo do Día das Rapazas nas TIC; ademais de recoñecer o traballo dos enxeñeiros informáticos coa celebración da NOITE da Enxeñaría en Informática, a gala que anualmente organiza o CPEIG. “Un dos nosos retos é alcanzar a inclusión dos máis pequenos, as mulleres e as persoas maiores no eido da informática” –asegurou o presidente–.