Pasar al contenido principal

O ferrolán Pedro Rey, estudante do IES Saturnino Montojo de Ferrol, e o vedrés Hugo Domínguez, estudante do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago gañan a Olimpíada Informática Galega

OIG 2024

Representarán a Galicia na Olimpíada Nacional que se celebrará en Sevilla do 15 ao 17 de marzo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade de Vigo (UVigo), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago (USC)– e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, celebrou hoxe a Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024) na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense da UVigo.

No certame participaron 26 estudantes de educación secundaria –ESO–, bacharelato e formación profesional de grao medio de toda Galicia, procedentes de quince centros educativos e residentes na Coruña (4 participantes), Vigo (2), Ribeira (1), Ames (1), Santiago de Compostela (5), Brión (2), Negreira (1), Narón (1), O Barco de Valdeorras (2), Teo (1), Burela (1), Ferrol (1), O Porriño (1), Redondela (1), Vedra (1) e Allariz (1). 

Os gañadores foron, en primeira posición, Pedro Rey Anca, natural de Ferrol e estudante de 2º de bacharelato do IES Saturnino Montojo de Ferrol; e no segundo posto Hugo Domínguez Conde, de Vedra e estudante de 1º de bacharelato do CPR Manuel Peleteiro de Santiago.

Os premios foron os seguintes:

-1º clasificado: Pedro Rey Anca. IES Saturnino Montojo – Ferrol (2º de bacharelato. Residente en Ferrol). 400 euros e asistencia á XXVIII Olimpíada Informática Española.

-2º clasificado: Hugo Domínguez Conde. CPR Manuel Peleteiro – Santiago de Compostela (1º de bacharelato. Residente en Vedra). 300 euros e asistencia á XXVIII Olimpíada Informática Española.

-3º clasificado: Juan Pablo Pardo Pérez. CPR Manuel Peleteiro – Santiago de Compostela (2º de bacharelato. Residente en Santiago). 250 euros.

-4º clasificado: Hugo Gorgojo Basanta. IES Perdouro – Burela (1º de bacharelato, Residente en Burela). 200 euros.

-5º clasificado: Miguel Pérez Barreiro. IES Politécnico de Vigo – Vigo (4º da ESO. Residente en Vigo). 200 euros.

-5º clasificado: Isabel Villar García. CPR Manuel Peleteiro – Santiago de Compostela (2º de bacharelato. Residente en Teo). 200 euros.

-Mellor rapaza clasificada: Isabel Villar García. CPR Manuel Peleteiro – Santiago de Compostela (2º de bacharelato. Residente en Teo). 150 euros.

-Mellor estudante da ESO: Miguel Pérez Barreiro. IES Politécnico de Vigo – Vigo (4º da ESO. Residente en Vigo). 150 euros.

Os dous primeiros clasificados na OIG 2024 acceden de xeito directo á fase nacional da XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. De aí, os gañadores poderán acceder á 36ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará en Exipto no mes de setembro.

A OIG 2024 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Amazon AWS, Apser, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology,  GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas. Con posterioridade, celebrarase un acto de entrega de premios (data pendente de confirmar).