Celebrouse o 23 de febreiro na Cidade das TIC da Coruña
O experto en contratación e director da consultora, Marcos Carbonell, analizou este proceso desde a psicoloxía do traballo e a visión dos recursos humanos
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae, con sede na Coruña, Vigo e Madrid, celebrou o pasado venres, 23 de febreiro, a segunda edición dunha charla formativa sobre como captar e reter aos profesionais TI. A conferencia, de carácter gratuíto e impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell, tivo lugar na Cidade das TIC da Coruña.
O obxecto da acción formativa foi ensinar a avaliar e seleccionar estes perfís para retelos nas empresas, xa que actualmente o mercado TI ten moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñibles, o que produce unha gran rotación nas compañías, sobre todo os perfís de Desarrollo de Software.
Marcos Carbonell deu as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que proporciona a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiables e perdurables no tempo. “O lado emocional é o que decide cando un está a gusto ou non nunha empresa e cando toma a decisión de quedarse ou marcharse. Os profesionais informáticos conseguiron nos últimos tempos grandes logros, como o teletraballo, a flexibilidade horaria, semana laboral de catro días, autonomía, autorganización, altos salarios, capacidade de elección de empresas e proxectos adaptados ao seu perfil e intereses, formación ou beneficios sociais, entre moitas outras” –explica–.
O relator analizou os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentou as ferramentas clave que utilizan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
Entre os seus logros, Vitae entrevistou a máis de 14.000 profesionais e formou a más de 33.000, o 95 % do sector TI, polo que se definen como unha consultora especializada no lado humano da tecnoloxía.