Jerry Yang comentou durante unha entrevista que os editores e publicistas se verán beneficiados cun proceso máis eficiente que lles permitirá vender os seus produtos e servizos en máis dun sitio en Internet á vez.
Yang engadiu que o sistema, chamado APT, será moito máis simple que o proceso actual de vender barras de anuncios a través de centos de sitios de Internet, un modelo que consume moito tempo con raíces nos medios tradicionais como a publicidade en televisión e xornais.
"Este sistema permite vendas cruzadas entre vendedores, permítenos ver qué prezos se están a ofrecer e onde", dixo Yang, que engadiu que o sistema pode transformar as ineficiencias de vender anuncios da industria 'online'.
Yahoo! espera construír un sistema eficiente para mostrar publicidade similar ao de Google. O sistema de vendas de publicidade en buscas de Internet de Google é case totalmente automatizado e funciona mediante un proceso de poxas.
Newspaper Consortium, primeiro socio
O departamento de Xustiza de Estados Unidos actualmente está a estudar se unha sociedade entre Google e Yahoo!, que en conxunto posúen o 80% do mercado dos buscadores, podería violar a lei antimonopolio.
O primeiro socio de Yahoo! en APT será o Newspaper Consortium, integrado por case 800 sitios de noticias en Internet, que inclúe a MediaNews Group.
Ben Schachter, analista de UBS, dixo que a competencia de Yahoo! está a traballar en plans similares.
Yahoo!, que tivo un ano turbulento dende que Microsoft fixese unha oferta de 41.000 millóns de dólares polo portal en febreiro, asinou un acordo de publicidade 'online' con Google o pasado mes de xuño.
"A estratexia publicitaria en Yahoo! é construír plataformas para deseñadores e anunciantes, e a nosa segunda estratexia é abrir espazos para múltiples forzas de venda e de artigos", explicou Yang. "Estamos a tratar de facer o mesmo con Google", engadiu.