Reuniranse uns 350 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de visibilizar a profesión de enxeñaría en informática
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa "XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
No marco da gala entregaranse os Premios da Noite (https://anoite.gal/), con trece categorías nas que as colexiadas/os recoñecen iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. As persoas, organismos e entidades distinguidas en 2023 foron: o enxeñeiro informático Diego Cid; a enxeñeira informática Verónica Bolón; o CIO da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Eduard Martín; o Colegio de Ingenieros en Informática de Asturias; o Ministerio de Sanidad; o proxecto ‘Astillero 4.0’ de Navantia; Code.org; o proxecto "Calvo Residuo Cero" da compañía galega Grupo Calvo; a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; a start-up viguesa de innovación social Envita; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC) e investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da UDC, Amparo Alonso; o enxeñeiro en informática do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), Rubén Pérez Jove; e as empresas Cisco, Eviden, Inforhouse, R e Vodafone.
O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.