Pasar al contenido principal

O equipo da Universidade de Santiago de Compostela, formado por Xiana Carrera, Pablo Díaz e Pablo Landrove, gaña o concurso de programación universitaria AdaByron Galicia 2024

Equipo gañador do concurso

Os equipos gañadores en cada unha das tres categorías (un da USC e dous da UDC), representarán a Galicia no certame nacional que se celebrará en xullo en Madrid

A proba, que se celebrou o venres pasado nos tres centros universitarios de informática de Galicia, estivo organizada polo CPEIG, o CITIC e as tres universidades galegas, ademais de contar nesta terceira edición co patrocinio de máis dunha ducia de empresas tecnolóxicas

A terceira edición do certame de programación universitaria AdaByron Galicia 2024  celebrouse o pasado venres, 12 de abril, nos tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan Grados en Enxeñaría Informática: Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC), e Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVIGO) no Campus de Ourense. 

A proba buscaba aos mellores equipos universitarios de programación competitiva. Así, equipos de tres estudantes competiron en diferentes categorías segundo o seu curso de estudos. Participaron 24 equipos entre as tres sedes que durante as catro horas de concurso enfrontáronse a 11 problemas de diferente dificultade.

Os equipos gañadores de cada categoría foron:
-Categoría A (equipos de alumnado de 1º curso): Equipo da Universidade da Coruña formado por Hugo Herrador Segade, Lucía Hevia González e Iago Rivas Moar.

-Categoría B (equipos de alumnado de 2º curso): Equipo da Universidade da Coruña formado por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez.

-Categoría C (equipos de alumnado de cursos superiores): Equipo da Universidade de Santiago de Compostela formado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso. Foi o equipo gañador xeral, conseguindo resolver 9 dos 11 problemas.

Estes tres equipos gañadores representarán a Galicia na X edición do Concurso Nacional que se celebrará a comezos de xullo na Facultade de Informática da Universidad Complutense de Madrid. Os responsables do concurso AdaByron Galicia 2024, a vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Susana Ladra, e o profesor da UDC, Diego Seco, destacaron o gran nivel dos equipos participantes e, en especial, dos equipos gañadores que contaron cunha equilibrada participación de rapazas e rapaces.

Ademais, houbo premio para os gañadores de cada sede. Na UDC, o equipo gañador coincide co equipo gañador da categoría B, composto por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez. Na USC, o equipo gañador tamén coincide co equipo gañador da categoría C, composto por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso. Finalmente, na sede de Ourense da UVigo o equipo gañador estivo formado por Lucas Canle de Andrés, Sergio González Rodríguez e Santiago Rodríguez Romero.

O certame, organizado polo CPEIG, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as tres universidades galegas, estivo patrocinado por máis dunha ducia de empresas tecnolóxicas: Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL,  GDI, Mindata, Minsailt, NTTData, Oracle, Sixtema e Veritas.

AdaByron é un concurso que nace na Universidad de Madrid e que desde 2022 está aberto a outras comunidades. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando a súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, creatividade, innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.

O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica. Para máis información pódese consultar a páxina web: https://ada-byron.es/2024/reg/galicia/