O vogal do CPEIG, Iván Luis Vázquez, participou o pasado 25 de abril nun programa de radio sobre o uso das redes sociais, dispositivos electrónicos e a relación coa saúde mental no CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos, no marco do programa Navega con Rumbo (https://navegaconrumbo.cpeig.gal/) desenvolto polo Colexio profesional e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
O directivo entrou por videoconferencia en Radio Rosiña, iniciativa do programa Radio na Biblio durante o curso 2023-2024 do centro mazaricano. Os alumnos están a profundar, desde outubro de 2023, nesta temática do uso das redes sociais, dispositivos electrónicos e a relación coa saúde mental, realizando diversas actividades de investigación (enquisas as familias e ao propio alumnado, procura de información, entrevistas ao profesorado...). Así, elixiron realizar esta entrevista a un axente experto para que lles trasladase información rigorosa sobre o bo uso das tecnoloxías.
Unha vez o alumnado finalice a investigación creará un podcast final, con toda a documentación recollida e as súas propias conclusións e propostas para converterse así en axentes activos do cambio nas súas contornas. Este podcast difundirase posteriormente desde o colexio para que as voces dos nenos e nenas sexan escoitadas e tidas en conta.
Baixo o compromiso de promover e recoñecer o dereito universal da participación da infancia, o centro escolar desenvolve esta iniciativa que trata de fomentar un espazo dentro do colexio que é próximo e motivador para o alumnado, onde poden expresar as súas opinións sen intermediarios. A través da radio, o alumnado investiga e analiza os temas que lles preocupan.