O Colexio recoñece a sobresaliente carreira da coruñesa, “que demostrou un compromiso excepcional coa excelencia e a innovación durante máis de dúas décadas de servizo no sector tecnolóxico”
Recollerá a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Traxectoria Profesional da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ a enxeñeira en informática Olaia Vázquez Sánchez.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que este recoñecemento a Olaia Vázquez é, sen dúbida, unha “merecida homenaxe á súa sobresaliente carreira” no campo da Enxeñaría en Informática. “Olaia Vázquez demostrou un compromiso excepcional coa excelencia e a innovación durante máis de dúas décadas de servizo no sector tecnolóxico. O seu papel actual, como responsable de datos en Inditex, destaca a súa capacidade para liderar e transformar a estratexia empresarial mediante a optimización e o aproveitamento de datos. Ademais do seu indubidable talento profesional, é coñecida pola súa proximidade e simpatía, calidades que a fan especialmente valorada por colegas e amigos” –argumentou o presidente–. Esta distinción, asegura Suárez, non só reflicte a súa dedicación e habilidade profesional, senón que tamén subliña “a importancia da representación feminina en roles tecnolóxicos e de liderado, inspirando así a futuras xeracións de enxeñeiras”.
Olaia Vázquez Sánchez (A Coruña, 1980) é enxeñeira en Informática pola Universidade da Coruña (UDC), ademais de contar con outros méritos académicos como ser diplomada en Estatística en Ciencias da Saúde pola Universidad Autónoma de Barcelona, máster en Dirección de Empresas TIC pola Escola de Negocios Caixanova e High Impact Leadership Program polo IE University.
A súa carreira profesional estivo sempre ligada ao mundo dos datos. No ámbito universitario estivo vinculada ao grupo de investigación do Laboratorio de Bases de Datos (LBD) da Universidade da Coruña. Posteriormente, ocupou distintos postos en empresas do sector das Tecnoloxías da Información e Comunicacións, todos eles no campo do business intelligence. Formou parte da unidade de investigación, desenvolvemento e innovación en sistemas de información sanitarios na Fundación do Hospital da Coruña, así como de diferentes compañías especializadas na consultoría, xestionando proxectos cun amplo abanico de enfoques, aínda que sempre cun nexo común: a xestión e a análise de información.
Xa na súa etapa máis recente, desde 2010, Olaia Vázquez forma parte do equipo de Tecnoloxía de Inditex, onde actualmente coordina a área de Datos Global dentro do Departamento de Datos. A súa traxectoria centrouse en liderar e coordinar equipos de datos, definindo a estratexia, a visión e os obxectivos en proxectos de datos de alta complexidade, e asegurando o seu aliñamento coas necesidades do negocio.
Inditex é un dos maiores distribuidores de moda do mundo –con marcas como Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho e Zara Home-, operando en máis de 200 mercados a través da súa plataforma de tendas e online. O seu modelo de negocio integrado está enfocado a satisfacer as demandas dos clientes a través dunha proposta de moda de calidade e unha experiencia de cliente única. O Grupo aposta firmemente pola sustentabilidade, co ambicioso obxectivo de alcanzar cero emisións netas en 2040.
Olaia Vázquez recibirá o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.