• Foi fundada en 2011 nun pequeno local de Teo e actualmente conta cun equipo de 130 persoas nas súas sedes de Santiago e Madrid
• Recoñecida durante máis de 3 anos como unha das empresas de maior crecemento en Europa, publicou diferentes investigacións sobre seguridade en contadores eléctricos ou interceptación de comunicacións Bluetooth
O fundador e CEO, Andrés Tarascó, recollerá a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Especial CPEIG da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ á empresa de ciberseguridade Tarlogic.
A compañía de seguridade informática foi fundada en 2011 polos irmáns Miguel e Andrés Tarascó nun pequeno local de Teo, municipio da provincia da Coruña. Cunha marcada vocación de boutique, Tarlogic presta desde Galicia servizo a gran parte das empresas cotizadas do país, así como a grandes empresas en Europa, Estados unidos e Oriente Medio, axudando a estas empresas a protexer as súas infraestruturas de ciberataques e facelas máis resilientes.
Tarlogic dispón de oficinas en Santiago de Compostela e Madrid. O que naceu sendo unha empresa centrada en hacking, foi crecendo ata contar actualmente cun equipo de máis de 130 persoas especializadas en ciberintelixencia, ciberseguridade ofensiva e defensiva, e contribuíu a formar a un gran número de profesionais de ciberseguridade en toda España.
Entre os fitos de Tarlogic destaca ter sido recoñecida durante máis de 3 anos como unha das empresas de maior crecemento en Europa ou polos seus traballos de investigación e divulgación, con publicacións sobre seguridade en contadores eléctricos ou interceptación de comunicacións Bluetooth.
O CPEIG engade que Tarlogic continúa na actualidade coas súas investigacións para protexer a tecnoloxía Bluetooth e evitar, por exemplo, a espionaxe e a interceptación das chamadas de teléfono.
O fundador e CEO da compañía, Andrés Tarascó, recollerá o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.