A décima edición do certame en Galicia reuniu o pasado 2 de marzo no Campus Industrial de Ferrol da UDC a máis de 300 mozos e mozas de toda a comunidade, que competiron en 43 equipos
Javier Butragueño, presidente da Asociación Ingeniera Soy –impulsora en España do programa– recollerá a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Innovación Tecnológica no Enxino da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ ao programa educativo internacional FIRST® LEGO® League España.
A iniciativa é un programa educativo para colexios que fomenta as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos de 6 a 16 anos mediante experiencias de aprendizaxe baseadas en programación e robótica educativa. Traballando por equipos, e a través do desenvolvemento dun proxecto de innovación e a construción e deseño dun robot, búscase recoñecer o esforzo e os logros dos máis pequenos nas áreas STEM.
No programa, deseñado pola Fundación FIRST e LEGO Education e impulsado en España pola Asociación Ingeniera Soy, participan en España cada ano máis de 9.000 nenos e nenas de case 700 colexios, e máis de 700.000 a nivel internacional nos 110 países nos que se desenvolve o programa desde fai máis de 25 anos. “Se trata de una manera de innovar en educación aplicando los modelos de trabajo por proyecto y en entornos competitivos. Pero más que niños y niñas creando robots, se trata de usar robots para formar a los jóvenes como los ingenieros e ingenieras del futuro, reconociendo así que las áreas STEM son desafiantes y divertidas en su etapa escolar, además, claro, de una opción de futuro en su etapa profesional” –explica o presidente da Asociación Ingeniera Soy, Javier Butragueño–.
En Galicia, o programa está impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) que acolle, no seu Campus de Ferrol, a colexios de toda a comunidade autónoma que cada ano desfrutan e presentan os seus traballos de innovación e mostran as capacidades dos robots creados por eles mesmos. A décima edición da FIRST® LEGO® League Galicia reuniu o pasado 2 de marzo no Campus Industrial de Ferrol a máis de 300 mozos e mozas de toda a comunidade, que competiron en 43 equipos.
Javier Butragueño recollerá o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.