A empresa incorporou unha ferramenta de IBM baseada na tecnoloxía Blockchain para mostrar o percorrido que seguen os seus produtos, garantindo así a súa seguridade alimentaria, calidade e legalidade
A compañía recibirá a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ ao Grupo Nueva Pescanova –empresa especializada na pesca, cultivo, elaboración e comercialización dos produtos do mar, con sede en Redondela– polo seu proxecto de trazabilidade. A compañía traballa con IBM para mostrar o percorrido que seguen os seus produtos ao longo da cadea de valor, desde as orixes pesqueiras e acuícolas ata os mercados, garantindo así a súa seguridade alimentaria, calidade, legalidade e sustentabilidade.
Garantir a trazabilidade dos produtos do mar é unha solución que responde aos obxectivos de Pacto Mundial das Nacións Unidas (UN Global Compact) para contribuír a un océano san e produtivo en 2030. Neste marco, o Grupo Nueva Pescanova implementou a ferramenta IBM Food Trust, que utiliza a tecnoloxía Blockchain e está baseada no estándar GDST 1.0 (Global Dialogue on Seafood Traceability, plataforma internacional que promove un marco unificado para as prácticas de trazabilidade de produtos do mar).
Así, o Grupo Nueva Pescanova traballa para integrar o seu catálogo baixo esta ferramenta, de modo que clientes e consumidores poidan acceder de forma transparente a información relevante dos seus produtos. Os estándares GDST permiten a interoperabilidade entre os sistemas de trazabilidade dos produtos do mar, asegurando que todos os datos clave se recollen e rexistran dixitalmente: lote, características do produto, permisos, licenzas, localizacións e certificacións que proban as prácticas pesqueiras e de cultivo responsable, ademais das evidencias de sustentabilidade e a garantía de seguridade alimentaria que os mercados e consumidores demandan.
José Antonio Campos, director de Sistemas do Grupo Nueva Pescanova, recollerá o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.