28.634 persoas de toda España contarán no seu fogar con dispositivos Alexa que, xunto á actividade que xa veñen facendo as persoas voluntarias de Cruz Roja, axudaranlles a mellorar as súas capacidades para o acceso á información e de socialización
Recollerán a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio E-Inclusión da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2024 a Cruz Roja, Alexa e Amazon Web Services (AWS) en recoñecemento á colaboración mantida entre estas tres entidades para combater o illamento e a soidade non desxeada.
Estas dúas situacións, o illamento e a soidade non desexada, son as que, desde Cruz Roja, se lles presta atención desde fai anos. Saben cales son as súas consecuencias e por iso traballan desde diferentes áreas para palialas. A pandemia visibilizou, aínda máis, este problema e puxo de manifesto novas necesidades entre a sociedade, sobre todo entre perfís en situación de vulnerabilidade e persoas maiores.
Durante o confinamento pola COVID-19, Cruz Roja e a súa Fundación TECSOS xunto con Alexa, o servizo de voz de Amazon, e varias organizacións colaboradoras, creou unha Skill (funcionalidade) de Alexa co obxecto de brindar información e recursos accesibles por voz ás persoas que non tiñan acceso a outros medios dixitais, facilitando a superación da brecha dixital. Esta tecnoloxía, de fácil uso coa propia voz, facilitaba a relación entre persoa e dispositivo, contando ademais con pantalla onde visualizar a información. Isto incluía contidos relativos á pandemia, exercicios físicos e consellos de primeiros auxilios, entre outros. Ademais, Cruz Roja realizou un proxecto piloto no que distribuíu 100 dispositivos Echo con Alexa a diferentes perfís de persoas beneficiarias en varias rexións de España, para avaliar como estes asistentes de voz podían axudar a mellorar a vida das persoas que se atopaban nalgún tipo de situación vulnerable, recompilando datos a través de entrevistas, tanto a persoas usuarias como a voluntarias.
Así, durante este proxecto piloto, Cruz Roja colaborou con Amazon Web Services (AWS) para implementar unha solución baseada nun datalake (lago de datos) na nube que lles permitía automatizar a captura e análise de datos anonimizados sobre o uso destes dispositivos Alexa Echo, así como visualizar os resultados de maneira sinxela.
Deste modo, o que antes tomaba semanas de traballo manual recompilando e analizando datos, agora obtíñase en tempo real grazas aos servizos de analítica e procesamento de datos na nube de AWS.
Dispositivos de voz para favorecer a autonomía e reducir a soidade
O proxecto piloto tivo moi bos resultados e a iniciativa estase estendendo a todo o territorio español co obxecto de chegar a 28.634 persoas que viven soas, que recibirán, ademais dos dispositivos con Alexa en si, sesións informativas sobre o seu uso e estarán acompañados pola rede de voluntariado de Cruz Roja que os atende habitualmente.
Para poder xestionar este volume de dispositivos, Cruz Roja apostou por Alexa Smart Properties. Este servizo, que simplifica o uso e xestión de dispositivos con Alexa integrada, está deseñado para integrarse coas ferramentas tecnolóxicas de Cruz Roja e ofrecer experiencias de valor engadido e personalizadas en función das necesidades de cada persoa. En base a isto, Cruz Roja desenvolveu novas funcionalidades a través de novas Skills para Alexa, que impulsarán e utilizarán na súa intervención as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías da comunicación para ampliar o alcance dos servizos que presta ás persoas en situación de vulnerabilidade. A combinación de uso da voz e a imaxe, da man da intelixencia artificial que dá orixe aos asistentes de voz con pantalla, está abrindo novas oportunidades na súa acción.
Un proxecto innovador como este, que manexa datos sensibles de persoas, está sendo despregado na nube de Amazon Web Services (AWS) debido a que os seus servizos cloud ofrecen o máximo nivel de seguridade, escalabilidade, flexibilidade, cumprimento normativo e innovación constante, garantindo así un entorno confiable e de vangarda para esta importante iniciativa de Cruz Roja.
O galardón entregarase na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Un representante de Cruz Roja, un representante de Alexa e o responsable da Vertical de Organizacións Sen Ánimo de Lucro de Amazon Web Services (AWS), Ignacio Gilart, recollerán a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.