O Goberno galego creou dous órganos para o desenvolvemento autonómico da IA: a Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da IA e o Consello Técnico Asesor en IA e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde
• Fernando Suárez, presidente do CPEIG: “Estes órganos van permitir que a Xunta sexa unha administración pioneira en implantar a IA, chegada da man dun estudo rigoroso e multidisciplinar, realizado a través dunha visión integradora das partes científica, técnica, normativa e social”
• Alfonso Rueda aposta por consolidar a Galicia como comunidade pioneira na incorporación da IA na administración
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Impulso Dixital de Galicia da ‘XVI NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ á Xunta de Galicia pola integración da intelixencia artificial (IA) na Administración Autonómica galega. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recolleu esta a distinción de mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, nun acto celebrado nas dependencias de San Caetano ao que tamén asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado; o vicesecretario do CPEIG, Roberto Vieito; e o vogal do CPEIG, Benigno Rosón.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Executivo autonómico por seguir consolidando a Galicia como unha comunidade pioneira na integración da intelixencia artificial na administración para facela máis eficiente e útil para os cidadáns.
Fernando Suárez sinalou que a IA é xa unha realidade, unha tecnoloxía máis a disposición da sociedade, marcada pola súa rápida evolución. Destacou que a Xunta de Galicia, a través da Comisión de Expertos no Desenvolvemento e Uso Ético da IA en Galicia e o Consello Técnico Asesor en IA e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde, entendeu perfectamente esta realidade e deu un paso fundamental para integrala dentro dos servizos públicos galegos coa creación destes dous órganos.
“A Comisión de expertos e o Consello técnico van permitir que a Xunta de Galicia sexa unha administración pioneira en implantar a IA. Esta implantación temperá virá da man dun estudo rigoroso e multidisciplinar, realizado a través dunha visión integradora das partes científica, técnica, normativa e social” –indicou o presidente do CPEIG–. Suárez engadiu que ambos órganos contan na súa estrutura con enxeñeiros e enxeñeiras en informática.
Galicia, rexión na vangarda europea en desenvolvemento dunha intelixencia artificial “confiable e humanista”
A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da IA en Galicia foi creada polo Goberno galego a finais de 2023, presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía e evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública.
Entre as funcións da Comisión destacan a elaboración de recomendacións e asesoramento sobre o desenvolvemento e o uso ético da IA en Galicia; asesoramento para impulsar accións formativas e de sensibilización en IA, dirixidas a empresas, Administración Pública e cidadáns; a formulación de propostas sobre a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, co obxectivo de adaptar as súas medidas aos novos escenarios; e o asesoramento na avaliación do impacto da IA nos diferentes sectores produtivos de Galicia, Administración Pública e sociedade.
A creación desta Comisión é un paso máis no obxectivo de Galicia de ser unha rexión na vangarda europea en desenvolvemento dunha intelixencia artificial “confiable e humanista”, e a Xunta estao a facer cunha folla de ruta definida que, en menos de catro anos, supuxo:
• Que Galicia fose unha das tres primeiras Comunidades Autónomas españolas en aprobar unha estratexia propia de intelixencia artificial, “Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2021-2030” (EGIA), que prevé mobilizar máis de 330 millóns de euros públicos da Xunta ata 2030, cun impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros.
• A creación do Nodo galicIA, un espazo de colaboración público-privada para o impulso da IA, promovido pola a Xunta de Galicia.
• A elaboración dun estudo para o marco ético e normativo da intelixencia artificial en Galicia.
• A designación de Galicia como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia artificial (AESIA), a primeira axencia estatal de supervisión de IA que se crea en Europa. A madurez dixital da rexión e a concentración de coñecemento foron esenciais na designación desta sede na Coruña.
• A creación da Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da IA en Galicia.
• A elaboración da lei galega para o desenvolvemento e impulso da IA, que enviará ao Parlamento este verán para a súa aprobación no último semestre do ano.
Asesoramento na política da Consellería de Sanidade en materia de IA
Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar con especialistas que asesoran á sanidade pública de forma específica, agrupados no Consello Técnico Asesor en IA e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde, constituído en marzo de 2024.
As funcións deste Consello Técnico son o asesoramento na política da Consellería de Sanidade en materia de IA e o uso seguro e ético dos datos ou a elaboración de mapas de demanda temperá para definir en que áreas se debe dirixir a investigación ou que solucións precisa a atención sanitaria.
O presidente da Xunta anunciou en xuño de 2023 o lanzamento dun Plan de Transformación e Saúde Dixital 2023-2026 para mellorar e cambiar o modelo de atención sanitaria pública, aproveitando as novas tecnoloxías e, sobre todo, a IA e o uso de datos para a toma de decisións. O plan conta cunha dotación de 200 millóns de euros e inclúe máis de 120 iniciativas. Pretende desenvolver sistemas de axuda intelixentes e dotar á organización sanitaria de ferramentas, algoritmos de decisión e sistemas de información que faciliten ao profesional a toma de decisións, minimizando o risco para o paciente e mellorando a experiencia dos profesionais sanitarios no exercicio das súas actividades.
Así, este Consello Técnico trasladará as súas propostas e recomendacións ao Consello de Innovación en Materia de Saúde da Consellería de Sanidade e ao Nodo Galego de Intelixencia Artificial.