O CPEIG celebrará mañá venres, 21 de xuño, a ‘XVI NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que máis de 400 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Esta décimo sexta edición será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o director xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), Félix Barrio; o director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e o alcalde de Ames, José Blas García; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
O imitador e humorista Fede de Juan presentará a gala que contará coa actuación do músico portugués Nuno Louro e un espectáculo sorpresa
A gala estará conducida por Fede de Juan, imitador, humorista e guionista de longa traxectoria en diferentes medios de comunicación españois. Aos 20 anos, foi fichado por Luis del Olmo para o coñecido espazo radiofónico “El Jardín de los Bonsáis”, no seu mítico programa “Protagonistas”, onde Fede de Juan estivo 13 anos sendo un dos imitadores e co que gañou unha Antena de Oro, un Micrófono de Oro e un Premio Protagonistas. Continuou xunto a Concha García Campoy en Punto Radio para o seu programa “Campoy en su punto” e en “Lo más Plus” de Canal +. En 2006 produciu, dirixiu e protagonizou o espazo “Los Clones” en Intereconomía TV, programa co que obtivo a Antena de Plata. Desde 2009, e colaborador habitual nos especiais de Fin de Ano de José Mota en TVE, con quen colabora como imitador e guionista. Actualmente, forma parte do equipo de Chou Bisnis xunto a Mago More, sendo mestre de cerimonias en eventos de empresa e vídeos corporativos. Tamén está no equipo diario de “Las mañanas de Kiss FM” poñendo a nota de humor coas súas imitacións.
O evento tamén se contará coa actuación do músico, guitarrista e vocalista portugués Nuno Louro que versionará hits de grandes bandas e artistas do pasado, pero tamén do panorama musical actual. A gala pecharase cun espectáculo sorpresa.