Miguel Ángel Amutio, conferenciante: “La digitalización requiere de un proceso de evolución continuado en el tiempo a la luz de la experiencia acumulada, de las demandas y desafíos de la sociedad, además de las oportunidades y retos que suscitan las tendencias tecnológicas”
Inaugurouse hoxe a décimo cuarta edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 29 de outubro na EGAP, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inaugurou o 17 de setembro a décimo cuarta edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2024, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Fernando Suárez sinalou que co curso preténdese dotar aos empregados públicos das ferramentas “necesarias” para ser líderes da dixitalización nos seus postos de traballo, adquirindo coñecementos técnicos, comprendendo como a dixitalización pode transformar a forma na que se ofrecen servizos á cidadanía e como podemos mellorar a eficiencia das institucións. “O futuro da administración pública galega pasa inevitablemente pola dixitalización, sempre coa cidadanía no centro do traballo público para mellorar a súa calidade de vida e facer que os servizos públicos sexan máis accesibles, eficientes e transparentes. Xuntos podemos seguir construíndo unha Galicia máis moderna, máis próxima á cidadanía e máis eficiente na xestión pública” –engadiu–.
O presidente do CPEIG describiu a administración electrónica como “unha realidade tanxible e unha necesidade” que aportará á sociedade unha verdadeira transformación cultural, organizativa e legal a través da dixitalización dos procesos, a automatización de trámites e a mellora da interacción entre a administración e a cidadanía. Así, destacou que os retos da administración electrónica son a brecha dixital, co desafía de conseguir que a transformación dixital sexa inclusiva; a ciberseguridade, para protexer a información sensible da cidadanía e os recursos das administracións; a resistencia ao cambio, procurando que os traballadores públicos abracen esta dixitalización; e a adaptación normativa.
A pesar destes desafíos, Suárez indicou que os beneficios da administración son aínda maiores, destacando a eficiencia na xestión; a accesibilidade con servizos públicos dispoñibles as 24 horas do día e os sete días da semana; a transparencia; e a redución de custos. Pero asegurou que o fundamental é o rol dos funcionarios públicos como líderes da transformación dixital, responsables de “promover a cultura da dixitalización, garantir que a cidadanía poida acceder aos servizos de maneira segura e eficiente, e estar sempre dispostos a aprender e adaptarse ás novas tecnoloxías”.
Julián Cerviño destacou a importancia da colaboración coa Escola Galega de Administración Pública e, no caso deste curso, co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, na formación continua e actualización dos coñecementos sobre tecnoloxías do persoal empregado público. Destacou que en 2023 desenvolvéronse 144 accións formativas en materia de capacitación dixital, administración electrónica e ciberseguridade, con máis de 5.000 horas impartidas.
Pola súa parte, Sonia Rodríguez-Campos destacou que este curso pretende mellorar as competencias do persoal público nesta materia e para que poidan asumir con facilidade novos procedementos de traballo, o que contribuirá a conseguir unha Administración máis eficiente, eficaz, transparente, accesible e próxima.
Ademais, lembrou a importancia que ten a formación no uso de medios electrónicos dentro dos plans formativos da Escola, tanto para o persoal público como para os cidadáns. Neste sentido, destacou os cursos superiores en ciberseguridade e protección de datos e as xornadas de formación práctica dixital (e-martes).
Presente e futuro da administración electrónica
Por outra parte, o curso foi aberto cunha lección maxistral a cargo de Miguel Ángel Amutio, colexiado de honra do CPEIG. “Presente e futuro da Administración electrónica” foi o título escollido para a súa intervención.
Amutio explicou que tras dez anos coas leis 39/2015 e 40/2015 en activo, a dixitalización da Administración progresou notablemente en España, “fruto de un esfuerzo colectivo, multidisciplinar y sostenido en el tiempo”. Destacou que a confluencia de factores como a necesidade e demanda da sociedade, a xestión da pandemia, o impulso ao máis alto nivel, os recursos provenientes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o contexto europeo, a dispoñibilidade dun marco legal favorable, a traxectoria de realizacións, así como o despregamento de infraestruturas, servizos e solucións fan da administración electrónica ou dixital unha realidade práctica, no contexto recente das orientacións establecidas na axenda España Dixital e no Plan de Dixitalización das administracións públicas 2021 – 2025.
Amutio ofreceu unha perspectiva global das claves da transformación dixital da Administración, así como do estado de situación en canto cara a onde vamos, cara a onde nos leva a Unión Europea, e como se nos percibe desde o exterior. “La digitalización requiere de un proceso de evolución continuado en el tempo a la luz de la experiencia acumulada, de las demandas y desafíos de la sociedad, además de las oportunidades y retos que suscitan las tendencias tecnológicas” –engadiu–.
Formación transversal
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. Os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Os relatores do curso son o secretario Xeral do Consello Consultivo de Galicia, José Ángel Oreiro; o socio director de P&S Abogados, Víctor Salgado; a xefa do Departamento de Interoperabilidade e Servizos Dixitais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Isabel Pillado; o responsable de proxectos do Sector Público en NTT, Marcos Ferrer; o xefe da Subárea de Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva; o enxeñeiro en informático do Departamento de Interoperabilidade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Hernán Ovidio Vila; o presidente de Alastria e CEO de Add4U, Miguel Ángel Domínguez; a especialista en innovación administrativa e transformación dixital na Dirección Xeral de Estratexia Dixital e IA do Principado de Asturias, Carmen García; o xefe de sección do Arquivo do Reino de Galicia, Gabriel Quiroga; a secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba; a auditora da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, Enriqueta Vía; e a analista deste último organismo, María Belén Bermúdez.
A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que agradeceu aos relatores, que dispoñen dunha ampla experiencia e traxectoria nas súas respectivas áreas, a súa participación no programa. “O seu coñecemento e dedicación non só aseguran que o alumnado adquira as competencias técnicas necesarias, senón que tamén o inspiran para liderar con éxito os proxectos de transformación dixital nas súas institucións. Agradecemos profundamente o seu compromiso e esforzo, que fan posible que este curso sexa unha referencia na formación en administración electrónica”, manifestou.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 70 empregados públicos, desenvolverase do 17 de setembro ao 29 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 17 e 24 de setembro e o 1, 8 e 15 de outubro na EGAP, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.