O presidente do Colexio, Fernando Suárez, recolleu o recoñecemento o pasado 2 de outubro nun acto celebrado en Valladolid
“É o programa máis ilusionante que impulsamos, levado a máis de 250 centros educativos todos os anos para que toda a comunidade educativa saiba as vantaxes que ten internet e tamén os seus riscos”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido nos ‘Premios a la Innovación Digital 2024’ (2024 PID), do xornal El Norte de Castilla, cun recoñecemento á mellor iniciativa social dixital de axuda ao cidadán polo seu programa “Navega con rumbo polo ciberespazo”. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, recolleu o galardón o pasado 2 de outubro nun acto celebrado en Valladolid da man do director xeral de Telecomunicacións e Administración Dixital da Consejería de Movilidad y Transformación Digital da Junta de Castilla y León, Antonio Ibáñez Pascual.
Fernando Suárez agradeceu o recoñecemento ao programa “Navega con rumbo polo ciberespazo”, posto en marcha coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia fai máis de 15 anos. “Gañar este premio é un recoñecemento ao esforzo do CPEIG, dos seus colexiados e ao apoio das institucións, ademais de ser todo un orgullo que se nos recoñeza ao lado das nosas fronteiras por un traballo ben feito”, apuntou.
Suárez sinalou que, nos días que corren, a innovación é absolutamente fundamental, lembrando que as empresas mellor valoradas internacionalmente son aquelas que apostan máis pola innovación. O presidente do CPEIG explicou que a innovación non é só tecnoloxía, non é só cambiar procesos ou produtos, senón que depende sobre todo das persoas que están no centro deste cambio e, polo tanto, apuntou que “temos que cultivar, fomentar, atraer e reter o talento que tanto hai en Galicia” e que é a base desta innovación e deste proceso tecnolóxico.
“Navega con rumbo é o programa máis ilusionante que impulsamos desde o CPEIG, levado a máis de 250 centros educativos todos os anos para que toda a comunidade educativa –alumnado, profesorado e familias– saiba as vantaxes que ten internet e tamén os seus riscos e como afrontalos e minimizar o seu impacto. Con este programa poñemos o noso gran de area para que os nenos e nenas sexan máis autónomos no ámbito dixital e poidan sacar o máximo rendemento á tecnoloxía”, manifestou.
Estes premios, que coinciden coa celebración do 170 aniversario de El Norte de Castilla, contan co apoio institucional da Junta de Castilla y León e Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), el patrocino de Iberdrola y la colaboración del Colegio Profesional de Ingenieros en Informática de Castilla y León.