O presidente do Colexio, Fernando Suárez, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento da décimo terceira edición desta iniciativa
Guíase ao alumnado –de 5º e 6º de Primaria, 1º da ESO e 1º curso dos ciclos de formación profesional de grao básico– cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización de actividades de difusión e formación do programa ‘Navega con rumbo’, destinado á promoción do uso responsable das novas tecnoloxías entre o alumnado de centros educativos da comunidade dentro da Estratexia de Educación Dixital 2030 da Administración autonómica. O acordo foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.
Fernando Suárez sinalou que este proxecto, un dos máis premiados e ilusionantes do Colexio, achega aos rapaces a educación tecnolóxica para formalos nun uso seguro de internet, partindo da base de todo o positivo que aporta no seu proceso educativo e de crecemento persoal polo seu uso a nivel laboral e relacional na actualidade e no futuro. E ademais, o presidente explicou que o programa dá a coñecer os riscos do uso da tecnoloxía, como as ameazas do ciberacoso, sexting ou grooming, co obxecto de poder detectalas e minimizalas cando antes, e para que os rapaces saiban que procesos empregar, baseados no diálogo e confianza familiar, así como ter en conta que hai entidades como o Colexio ou as administracións públicas para combater este tipo de delincuencia a través da rede.
‘Navega con rumbo’, que cumpre a súa décimo terceira edición, é un programa encamiñado, por unha banda, ao alumnado para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede, e por outra, para o profesorado e familias, facéndoos partícipes das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.
O CPEIG realizará charlas de concienciacións, destinadas a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) de 5º e 6º curso de Primaria, 1º curso da ESO e 1º curso de ciclos de formación profesional de grao básico dos centros seleccionados pola Consellería. Organizaranse 240 xornadas, dunha hora de duración, durante o curso escolar 2024-2025, que impartirán especialistas do CPEIG.
O Colexio actualizará a web do programa asociada ao proxecto na que se porá a disposición información de interese para a comunidade educativa á que está dirixida este programa. O CPEIG tamén elaborou unha Guía de Boas Prácticas en Internet para alumnado, profesorado e familias que estará dispoñible en soporte dixital e distribuirase, en formato impreso, nos centros educativos, realizadas cunha linguaxe e entorno visual atractivo.