Pasar al contenido principal

Claudia Mosquera Gulín, de Celanova, e Ariane Luis Nogueira, de O Irixo, gañan o concurso de postais de Nadal do CPEIG

Postal de Nadal 2024

O debuxo de Claudia será a postal institucional coa que o Colexio felicitará as festas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou o décimo terceiro Concurso de Postais de Nadal 2024. O xurado do certame acordou, por unanimidade, elixir como postal oficial do CPEIG o debuxo de Claudia Mosqura Gulín, que participou na categoría A dirixida a nenos en nenas de entre 3 e 12 anos.  

A postal de Claudia, unha nena de 11 anos de Celanova (Ourense) que cursa 6º de Primaria no CEIP Curros Enríquez da vila, foi presentada polo seu pai, o colexiado Julio Mosquera. O debuxo é unha auténtica estampa do Nadal: unha árbore engalanada e custodiada por un boneco de neve, todo acompañado con adornos e luces cheas dos emblemáticos 0 e 1 da enxeñaría informática. De agasallo a rapaza recibirá unha tablet.

O traballo de Claudia será a postal oficial coa que o CPEIG felicitará as festas do Nadal este ano, acompañada da lenda: Cos nosos desexos de paz e prosperidade, a Xunta de Goberno do CPEIG deséxalle Bo Nadal e Feliz Ano 2025.

Na categoría B, para rapaces de entre 13 e 18 anos, resultou gañadora Ariane Luis Nogueira, unha rapaza de 13 anos de O Irixo (Ourense) que cursa 2º da ESO no IES Chamoso Lamas do Carballiño. O debuxo foi presentado polo seu pai, o colexiado Iván Luis Vázquez. A creatividade representa o espírito do Nadal, pero con toques tecnolóxicos, evocado pola lenda Bo Nadal e unhas campás acompañadas dun brazo robótico e un dron. De agasallo a rapaza recibirá uns auriculares sen fíos.