Pasar al contenido principal

O CPEIG sinala a educación dixital e a regulación normativa como as claves para procurar a protección de datos persoais

Día Europeo da Protección de Datos 2025

Explica que na actualidade xa son as persoas de 30 a 55 años o obxectivo frecuente dos ciberataques, debido ao seu perfil de usuario habitual de redes sociais e de comercio electrónico

Fernando Suárez, presidente: “O avance da intelixencia artificial xenerativa e as tecnoloxías descentralizadas están xerando un entorno onde a privacidade dos datos e a seguridade da identidade dixital son máis vulnerables que nunca”

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día Europeo da Protección de Datos que se celebra o vindeiro martes, 28 de xaneiro –data proclamada pola Comisión Europea, o Consejo de Europa e as autoridades de Protección de Datos dos estados membros da Unión Europea–, pon de manifesto a necesidade de que a sociedade estea informada e concienciada sobre os perigos aos que están expostos os usuarios de internet.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, subliña a necesidade urxente de reforzar a educación dixital e a implementación de medidas adaptativas de ciberseguridade. “O avance da intelixencia artificial xenerativa e as tecnoloxías descentralizadas están xerando un entorno onde a privacidade dos datos e a seguridade da identidade dixital son máis vulnerables que nunca” –destaca Suárez–.

Nos últimos meses, Fernando Suárez sinala que o uso da intelixencia artificial xenerativa non só permitiu crear ataques de phishing máis convincentes –técnica que consiste no envío dun correo electrónico por parte dun ciberdelincuente a un usuario simulando ser unha entidade lexítima para roubarlle información privada, realizarlle un cargo económico ou infectar o dispositivo–, senón tamén facilitou a automatización da recompilación de datos, aumentando a eficacia dos ataques dirixidos. Ademais, o presidente colexial indica que as tecnoloxías descentralizadas, como as que sustentan o metaverso e a Web3, presentan novos riscos, ao permitir transaccións e experiencias virtuais que carecen de regulacións claras sobre a protección de datos persoais.

Fernando Suárez tamén resalta a importancia de estar ao día cos avances normativos, como a Lei de Intelixencia Artificial da Unión Europea. Esta normativa obriga ás organizacións a garantir a privacidade e a seguridade desde o deseño dos seus sistemas, o que formula retos e oportunidades para todos os sectores.

Impacto na poboación: máis alá dos colectivos vulnerables

Aínda que tradicionalmente enfócase en nenos e persoas maiores, o CPEIG advirte que o segmento de idade entre 30 e 55 años é agora un obxectivo frecuente debido ao seu perfil de usuario habitual de tecnoloxías como redes sociais e comercio electrónico. “A protección de datos non é só un dereito, senón unha responsabilidade compartida que debemos integrar na nosa cultura dixital” –conclúe Suárez–.

O dereito á protección de datos é un dereito fundamental amparado no artigo 18.4 da Constitución Española. Así, e de maneira xenérica, o CPEIG ofrece tamén unha serie de ciberconsellos á sociedade para facer un uso seguro da tecnoloxía. Fernando Suárez, presidente do CPEIG, considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:

•    Non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.
•    Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.
•    Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN).
•    Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.
•    Ser cauto á hora de conectar dispositivos extraíbles a un equipo cando proveñen de terceiros.
•    Avisar dos incidentes de seguridade.
•    Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastreados.
•    Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.
•    Usar contrasinais complexas e únicas. 
•    Eliminar documentación sensible dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro.