• O prazo de candidaturas estará aberto ata o 27 de abril
• O gañador recibirá 1.000 euros, e os tres finalistas un ano de colexiación gratuíta
A entrega da distinción terá lugar na gala da XVII Noite da Enxeñería en Informática que celebrará o Colexio 27 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décimo sexta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que se entregará no marco da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o vindeiro 27 de xuño en Santiago –Hotel OCA Puerta del Camino–, quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática.
Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2023, 2024 e 2025. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 27 de abril ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura pódense atopar na web colexial ou nos portais web das tres facultades que imparten a titulación.
Mediante a organización deste premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador. O fallo farase público a través da web e redes sociais do Colexio.