Máis de medio millar de estudantes de primaria e secundaria de 20 centros galegos participarán na xornada de forma remota e presencial, que se completará cunha visita ao superordenador Finis Terrae III e ao ordenador cuántico galego Qmio
A investigadora de computación cuántica Marta Losada, a investigadora de IA Yolanda Blanco, a enxeñeira aeroespacial Nadezhda Lucía Techera e a enxeñeira informática Alejandra Lugilde explicarán as súas experiencias profesionais ao alumnado
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Axencia Galega da Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), e á Secretaria Xeral de Igualdade a décimo terceira edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day), actividade destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento celebrarase o vindeiro xoves, 24 de abril, de 11:00 a 13:30 horas na sede do CESGA. O acto será inaugurado pola directora da Axencia Galega da Innovación e presidenta do CESGA, Carmen Cotelo Queijo; a directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistirá nunha charla que se retransmitirá en vivo a través de Internet, na que participarán profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Participarán na mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do CESGA, María José R. Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Marta Losada Estévez, Yolanda Blanco Fernández, Nadezhda Lucía Techera Salvador e Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS).
Desde uns 20 centros escolares inscritos participarán na xornada máis de medio millar de estudantes que poderán enviar preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo coas tecnólogas invitadas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, as estudantes presentes realizarán unha visita guiada ás instalacións do CESGA para coñecer o superordenador Finis Terrae III e o ordenador cuántico galego Qmio.
A inscrición para os centros aínda está aberta na web https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/
Traxectoria profesional das catro tecnólogas
Marta Losada Estévez: Graduada en Física pola Universidade de Santiago (USC). En terceiro de carreira fixo prácticas no CESGA, onde entrou en contacto por primeira vez co concepto de “computación cuántica”. Dende entón, continúa formándose neste campo co seu TFG e no Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica da USC. Actualmente forma parte dun grupo no que están a desenvolver un simulador de computación cuántica distribuída, traballo co cal compatibiliza os estudos de máster. Co seu TFM pretende estudar a implementación da computación cuántica distribuída para circuítos variacionais e agarda seguir investigando no futuro nesta liña.
Yolanda Blanco Fernández: Doutora en Enxeñería de Telecomunicación e profesora titular no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo (UVigo). Traballa como investigadora en atlanTTic, o Centro de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, onde ocupou a subdirección ata asumir o seu actual cargo como directora da Área de Dixitalización desta universidade. A súa actividade investigadora inclúe sistemas de personalización e recomendación (técnicas de modelado de usuarios e estratexias de filtrado), Web Semántica, desenvolvemento de servizos e aplicacións para redes móbiles ad-hoc e, máis recentemente, no eido da Intelixencia Artificial, está centrada no emprego de modelos de Deep Learning baseados en arquitecturas Transformer para o procesado de linguaxe natural en diferentes dominios de aplicación.
Nadezhda Lucía Techera Salvador: Estudante do Grao en Enxeñería Aeroespacial na UVigo e forma parte do departamento de Aerodinámica na asociación UVigo Motorsport, o único equipo galego na “Fórmula Student”, unha competición automobilística entre estudantes de universidades de todo o mundo que promove a excelencia na enxeñaría a través dun concurso de automóbiles onde cada equipo universitario deseña e constrúe un vehículo monopraza co que posteriormente compite.
Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS): Enxeñeira Informática de 29 anos especializada en IA, graduada pola Universidade Politécnica de Madrid en 2017. Conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de software, arquitectura de solucións e liderado de proxectos tecnolóxicos, destacando na modernización de plataformas na nube e na optimización de equipos técnicos. Actualmente, desempeña dous roles clave: como Global GSC Practice Lead, dirixe no seu departamento a nivel global a estratexia e mellora dos procesos de traballo dos equipos, impulsando a eficiencia e a resolución de desafíos técnicos e organizativos; e como Technical Architect, lidera proxectos cloud de gran complexidade.