O Colexio recoñece o seu “rigor e visión” no desenvolvemento das orientacións para o uso de servizos tecnolóxicos por parte da sociedade, en especial por menores
Recollerá a distinción na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Traxectoria Profesional da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2025’ ao doutor en Informática Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) desde 2019.
O CPEIG argumenta que é unha verdadeira honra conceder este premio a unha persoa cunha “formación e traxectoria profesional absolutamente brillantes”, como destaca o seu currículo, ademais de ser un orgullo para o Colexio que Luis de Salvador pase a formar parte dos profesionais da informática que conforman a entidade, mesmo como un colexiado máis. “Nun momento de incerteza no uso da tecnoloxía, persoas sensatas e pausadas como Luis son fundamentais para achegar rigor e visión no desenvolvemento de normas e recomendacións. Recoñecemos así o seu labor á fronte da área de innovación tecnolóxica da AEPD, onde se están sentando as bases para as garantías no uso de servizos tecnolóxicos por toda a sociedade, pero en especial por colectivos tan sensibles como os menores” –explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez–.
Premio Nacional de Enxeñería Informática polo desenvolvemento técnico dun sistema de verificación de idade para protexer aos menores
Luis Antonio de Salvador Carrasco (Pamplona, 1967) impulsou desde a División de Innovación Tecnolóxica da AEPD o desenvolvemento de máis de 100 guías, notas técnicas, artigos e ferramentas sobre a aplicación do Regulamento Xeral de Protección de Datos en tratamentos con compoñente tecnolóxico como intelixencia artificial, espazos de datos, xestión do risco, biometría, internet, brechas de datos, protección de datos desde o deseño e por defecto, etc.
Foi o responsable da AEPD para o desenvolvemento técnico da proposta dun sistema de verificación de idade para protección de menores que conseguiu os Premios á Innovación e do público na Global Privacy Assemby de 2024, o Premio Nacional de Enxeñería Informática do Consejo General de Colegios Profesionais de Ingeniería Informática de España (CCII), o Premio Nacional de Informática e Saúde da Sociedade Española de Informática da Saúde (SEIS) e o Premio SOCINFO Dixital. Como xefe de inspección da AEPD desde 2008, xestionou máis de 1.500 inspeccións anuais, realizando as primeiras inspeccións multinacionais e as auditorías de maior impacto a nivel europeo feitas pre-RGPD, entre outros.
A formación como informático de Luis de Salvador comezou en 1984 coa obtención do título de programador pola Universidade de Granada e, posteriormente, cos títulos de licenciado e doutor en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid, Máster en Administración de Empresas pola UNED e Máster en Administración Pública das TIC polo Instituto Nacional de Administración Pública. Completou a súa formación con diversos cursos de potgrao no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), na Universidade de California Los Ángeles (UCLA), na Escola Politécnica Federal de Laussane e na British Computer Society.
A súa carreira profesional no mundo da informática estivo ligada inicialmente á programación e comercialización de computadores. Foi reporteiro de revista CHIP Informática Profesional. Tamén obtivo bolsas no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA). A continuación, traballou como científico invitado no Instituto de Técnicas de Alta Frecuencia do Deutsche Forschungsanstalt für Luft-und Raumfahrt, e no Laboratorio de Hw e Control Avanzado do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), onde máis tarde ocupou o posto de xefe do Laboratorio de Radar. No INTA traballou no desenvolvemento dunha familia de microprocesadores de alto rendemento para sistemas intelixentes dentro dun proxecto CICYT en colaboración con distintos departamentos de Intelixencia Artificial, na campaña de detección con radar das manchas de petróleo na crise do Prestige, desenvolvemento de simuladores de sistemas SAR, entre outros. Foi director técnico de proxectos no Centro de Comando, Control, Comunicacións e Simulación da Dirección Xeral de Armamento e Material, para posteriormente traballar no Instituto Español de Estudos Estratéxicos. É reservista voluntario do Exército do Aire desde 2006 co emprego de tenente.
No ámbito internacional, Luis de Salvador é actualmente o líder do compoñente de protección de datos do proxecto europeo EU4DigitalUA para a dixitalización de Ucraína desde 2021, ademais de participar en numerosos proxectos europeos e con estancias profesionais en 26 países. Actualmente colabora no grupo técnico do Comité Europeo de Protección de Datos, coa Axencia da Unión Europea para a Ciberseguridade (ENISA) e outros. Foi tamén membro de diversas comisións da OTAN.
Na docencia, Luis de Salvador foi durante 25 anos profesor na Universidade Europea de Madrid, e colaborou nos programas de varias universidades en temas de privacidade, lexislación TIC, seguridade, criptografía e redes de computadores. Participou en dez libros sobre normativa de privacidade, docencia, administración electrónica ou tecnoloxía, realizou numerosas publicacións en revistas e organizou congresos nacionais e internacionais.
O galardón entregarase na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.