Pasar al contenido principal

A enxeñeira informática Josefina Alonso, directora de Operacións do Digital Innovation Hub da Industria de Galicia, recibe o Premio Ada Byron do CPEIG

Premio Ada Byron 2025

“A diversidade de xénero nos equipos STEM non é só unha cuestión de xustiza, senón de calidade, de innovación e de impacto real. Cando se suman distintas miradas, constrúense mellores ideas e atópanse mellores solucións”

Recollerá a distinción na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Ada Byron da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 á enxeñeira informática Josefina Alonso pola súa “excelencia e innovación” no sector tecnolóxico. 

Cunha sólida formación en enxeñaría informático, o CPEIG destaca a súa traxectoria profesional na que liderou proxectos de transformación dixital e promoveu a adopción de metodoloxías áxiles en diversas organizacións. “O seu enfoque centrado nas persoas e  o seu compromiso coa mellora continua contribuíu de maneira significativa ao avance da enxeñaría informática en Galicia. A súa dedicación e liderado convértena en merecedora do Premio Ada Byron, destacando o seu impacto positivo na comunidade tecnolóxica galega” –indica o presidente do Colexio, Fernando Suárez–. Ademais do seu labor técnico, o CPEIG sinala que Josefina Alonso é unha defensora activa da inclusión e a equidade no ámbito tecnolóxico, inspirando a futuras xeracións de mulleres enxeñeiras. 

Josefina Alonso Nocelo (Xenebra-Suíza, 1977) viviu ata os dez anos en Xenebra, pero a familia regresou a Galicia, concretamente a Ourense, onde residiu ata finalizar a carreira na Escola Superior de Enxeñaría Informática (Campus de Ourense- Universidade de Vigo). Despois comezou a súa traxectoria profesional e trasladouse a Vigo onde leva algo máis de 20 anos establecida. 

A enxeñeira informática conta xa cunha traxectoria profesional de máis de 25 anos centrada no ámbito da innovación tecnolóxica, a calidade de procesos, a transformación dixital e o desenvolvemento do talento na industria. “Desde o meu primeiro contacto coa enxeñaría informática sentín que se trataba dunha ferramenta cun enorme poder transformador, non só para desenvolver tecnoloxía, senón para mellorar a vida das persoas. Apaixonábame entender como funcionaban os sistemas, pero aínda máis pensar en como podían poñerse ao servizo de quen os usaban. Sempre crin que a tecnoloxía non ten sentido sen un propósito claro, necesidades reais para facer o día a día máis fácil, máis xusto ou accesible para as persoas”, confesa.

Desde fai tres anos, ocupa o cargo de directora de Operacións no Digital Innovation Hub da Industria de Galicia (DIHGIGAL), situado en Vigo, unha iniciativa que neceu para impulsar a transformación dixital do tecido industrial galego, especialmente en sectores clave como o naval, a automoción, agroalimentario e TIC, funcionando como unha rede de colaboración para conectar industria, centros tecnolóxicos, universidades, startups, empresas tecnolóxicas e administracións co obxecto de conectar talento, tecnoloxía e necesidade empresarial, xerando proxectos de alto impacto.

En DIHGIGAL, Josefina Alonso lidera estratexias orientadas a optimizar procesos industriais mediante a innovación, fomentando a conexión efectiva entre oferta tecnolóxica e demanda empresarial. “Xestiono a execución de proxectos, coordino equipos multidisciplinares, impulso alianzas e acompaño a empresas no seu camiño cara a dixitalización, ademais de traballar estreitamento cos axentes do ecosistema para detectar oportunidades, compartir coñecemento e facer que a innovación chegue a onde máis se necesita”, puntualiza.

Anteriormente, e durante 17 anos, Josefina Alonso traballou no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), onde foi responsable da Área de Calidade Electrónica e Seguridade Funcional. Desde esta posición, liderou equipos multiculturais en proxectos de estandarización e mellora de procesos de desenvolvemento en electrónica, impulsou a adopción de metodoloxías áxiles e promoveu estándares de excelencia no desenvolvemento de sistemas críticos. Tamén traballou previamente, e durante cinco anos, como enxeñeira de software en SoftwCare, onde se especializou en verificación e validación de software de sistemas críticos en sectores como a aeronáutica e o espazo, experiencia na que se nutriu da Axencia Espacial Europea (ESA), no seu centro de ciencia e tecnoloxía ESTEC nos Países Baixos), participando na validación de ferramentas de software cunha beca en 1999.

Desde 2010, Josefina Alonso combina a súa actividade profesional coa súa vocación formadora en Vitae Consultores, onde imparte formación en metodoloxías áxiles para a xestión de proxectos, comunicación, xestión de equipos e liderado, tanto en empresas como en institucións. Tamén é docente no Máster de Automoción e o Máster de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e no programa de Expertos Lean do Clúster de Automoción e  Mobilidade de Galicia (CEAGA). Ademais, a profesional participou como mentora en 2020 en INSPIRA STEAM da Universidade de Deusto, un proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. 

Josefina Alonso destaca que se ás mozas lles gusta a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas, non deben dubidalo nin por un segundo e ir a por elo, confiando no seu talento para ser parte do cambio. “Necesitamos que cada persoa, sexa do xénero que sexa, poida desenvolver a súa vocación en igualdade de condicións. As carreiras STEM non teñen xénero, pero si paixón, creatividade, rigor e visión, e senten ese impulso teñen que saber que poden e que é posible. A igualdade de oportunidades non é unha meta futura, é un dereito presente que debemos seguir defendendo e facendo realidade en cada paso. A diversidade de xénero nos equipos STEM non é só unha cuestión de xustiza, é unha cuestión de calidade, de innovación e de impacto real. Cando se suman distintas miradas, constrúense mellores ideas e atópanse mellores solucións”, asegura.

Josefina Alonso recollerá a distinción na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.