Pasar al contenido principal

O CPEIG outorga o XVI Premio Traballo Fin de Máster ao enxeñeiro informático Santiago Noriega polo seu proxecto TapIt, unha tarxeta de visita con tecnoloxía NFC para a nova era do networking profesional

Premio TFM

Os finalistas foron David Esteban, por un traballo sobre a personalización, explicabilidade e sustentabilidade en sistemas de recomendación, e Ángel Paderne, por un proxecto sobre un sistema de alta seguridade para a xestión privada dos datos médicos dos pacientes

O premio entregarase o 27 de xuño no evento da ‘XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática a Santiago Noriega polo seu proxecto “TapIt-Tarxetas de visita con tecnoloxía NFC para a nova era do networking profesional”.

O Colexio profesional busca achegarse con este premio ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíto, ao que se engade unha gratificación económica de 1.000 euros para a persoa gañadora. A avaliación dos traballos presentados, todos eles correspondentes ao fin de máster dos anos 2023, 2024 e 2025, correu a cargo dunha comisión experta integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña (UDC).

O enxeñeiro en Informática e Máster Universitario en Enxeñaría Informática pola UDC, Santiago Noriega (Lugo, 2001), centra a súa carreira actualmente na análise de datos orientada á toma de decisións.

O proxecto TapIt é unha proposta emprendedora pioneira que busca reinventar o networking profesional mediante o uso de tecnoloxía NFC aplicada ás tarxetas de presentación. A iniciativa naceu da necesidade de modernizar unha ferramenta que leva séculos sen cambios significativos. Santiago Fernández-Noriega explica que TapIt permite que profesionais e empresas compartan información personalizada cun só toque, accedendo a un dominio específico onde se recollen datos de contacto, currículos, catálogos ou calquera outro contido relevante.

Santiago Noriega sinala que esta solución estrutúrase arredor  dun produto físico, é dicir, a tarxeta NFC personalizada, e unha plataforma dixital que centraliza a información profesional do usuario no dominio https://tapit.es/, aplicación reforzada coa ferramenta de personalización gráfica Pixelixe. Ademais, engade que TapIt contempla un módulo estatístico como servizo adicional, orientado a empresas que desexan analizar o rendemento comercial do seu persoal.

“TapIt non só é unha tarxeta de visita dixital, senón unha plataforma de relacións profesionais e intelixencia comercial, deseñada para potenciar a identidade profesional e a eficacia no intercambio de información. Representa unha aposta decidida pola innovación, a sustentabilidade e a dixitalización da interacción humana nun contexto empresarial en constante transformación” –explica Santiago Noriega–.

Ademais, o gañador destaca que o Produto Mínimo Viable (MVP) de TapIt xa foi desenvolvido e validado de maneira práctica, xa que se mercaron lotes de tarxetas NFC a provedores especializados e programáronse coas URLs correspondentes, como a dispoñible en https://tapit.es/sfnb, onde se pode ver un dos perfís de usuario despregados.. Este avance permitiu, segundo o enxeñeiro, realizar presentacións en eventos e a expertos do sector, obtendo valoracións positivas sobre a experiencia de usuario, o deseño intuitivo e a capacidade para substituír ás tarxetas tradicionais. TapIt, desenvolto coa metodoloxía Lean, xa está presente en aceleradoras como Startup Programme, Santander X ou ViaGalicia, onde segue a madurar a súa proposta e busca financiamento para escalar o modelo e conseguir desde Galicia a súa expansión internacional.

Segundo Santiago Noriega, este recoñecemento servirá para apoiar TapIt na busca de financiamento e mesmo inspirar a outros estudantes a explorar a vía do emprendemento tecnolóxico e tamén para que as institucións recoñezan e valoren as achegas que nacen desde a base, cun claro impacto no desenvolvemento económico e tecnolóxico do país.

“Faime moita ilusión que se recoñezan traballos de fin de máster como o meu, que se afastan do traballo académico tradicional, demostrando que as institucións tamén teñen compromiso coa empresa. Aínda estou comezando no mundo, sempre agradezo á xente que me aconsella e me brinda a súa axuda. Tomar decisións en momentos clave pode resultar complicado, por iso sempre valoro contar coa voz da experiencia” –sinala o premiado–.

Finalistas do Premio TFM

Nesta décimo sexta edición do galardón foron finalistas David Esteban Martínez, como segundo clasificado, e Ángel Paderne Cózar, como terceiro, ambos da UDC. O proxecto do enxeñeiro en Informática David Esteban Martínez (A Coruña, 2021), titúlase “Personalización, explicabilidade e sustentabilidade en sistemas de recomendación”. 

Neste traballo, David Esteban enfrontou dous grandes retos actuais dos sistemas de recomendación: a necesidade de facer máis transparentes as súas decisións e a responsabilidade de reducir o seu impacto ambiental. Así, a través dun enfoque innovador e sostible, propuxo solucións que permiten mellorar a explicabilidade visual dos sistemas sen recorrer ao crecemento desmedido dos modelos, optando por técnicas de optimización da calidade dos datos de entrada.

Segundo explica, o traballo baseouse en tres liñas: a selección de novos exemplos positivos e negativos mediante Aprendizaxe Positivo e Sen Etiquetas ou Positive Unlabeled Learning; o aumento de datos a través de transformacións de imaxes e xeración con IA; e a mellora das vectorizacións de imaxes ou embeddings polos modelos.  Ademais, engade que estas técnicas aplicáronse xa en tres modelos do estado da arte – ELVis, MF-ELVis e BRIE), utilizando reseñas de usuarios reais de Tripadvisor como conxunto de datos.

“Conseguimos incrementar o rendemento dos modelos ata nun 35 %, reducir o tempo de adestramento, e diminuír tanto o consumo enerxético como as emisións de carbono, acadando reducións de ata o 60 % nos mellores casos. Estes datos reflicten non só unha mellora técnica, senón tamén un compromiso decidido coa sustentabilidade e a eficiencia, en liña coas prioridades actuais da comunidade científica e normativa europea” –indica o autor–.

Finalmente, Ángel Paderne Cózar (Aldea del Fresno, Madrid, 1999), madrileño de nacemento aínda que coruñés de adopción con tan só un ano, foi o terceiro clasificado polo seu proxecto da “Sistema de alta seguridade baseado en Blockchain para a xestión privada de datos de pacientes de servizos de saúde dixital”. O seu traballo busca dar resposta a un problema cada vez máis importante: como garantir a seguridade e o control dos datos médicos nun mundo dixital. Aínda que a tecnoloxía avanzou moito, os datos sanitarios seguen fragmentados entre sistemas públicos e privados, comunidades autónomas e mesmo países, dificultando o acceso completo á información dun paciente. A solución que propón Ángel Paderne aposta por un rexistro único, seguro e accesible, que funcione sen importar onde se atope o paciente nin o tipo de sanidade da que dispoña. “Grazas á tecnoloxía blockchain, cada persoa podería decidir quen pode ver ou empregar os seus datos médicos, e os profesionais solicitar acceso de forma segura e transparente” –explica–.

O galardón entregarase na ‘XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Santiago Noriega recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.