Pasar al contenido principal

O proxecto Neurocloud, da spin-off coruñesa Qubiotech, Premio e-Inclusión do CPEIG

Neurocloud, de Qubiotech

Esta solución innovadora usa a intelixencia artificial para mellorar o fluxo diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer, o Parkinson, a epilepsia ou a esclerose múltiple

O CEO da compañía, Daniel Fernández, recollerá o recoñecemento na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio e-Inclusión da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 ao proxecto Neurocloud, a plataforma de análise de imaxes do cerebro da spin-off coruñesa Qubiotech.

Segundo o CPEIG, trátase dunha solución innovadora que achega o diagnóstico neurolóxico avanzado a hospitais e centros sanitarios de toda España mediante o uso de tecnoloxías cloud e a análise cuantitativa de neuroimaxe. O Colexio considera que se trata dun  claro exemplo de como a tecnoloxía pode contribuír a unha maior equidade no acceso a servizos sanitarios especializados.

Qubiotech naceu a finais de 2014 como spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no seo do grupo de Imaxe Molecular do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). 

Desde a empresa, sinalan que o seu obxectivo fundacional foi claro: facilitar o acceso a biomarcadores cuantificados —unha sorte de “segunda opinión obxectiva”— para a análise de imaxes en enfermidades neurodexenerativas, mediante técnicas estatísticas avanzadas e intelixencia artificial.

Nun contexto de crecemento continuo das enfermedades neurodexenerativas por mor do envellecemento da poboación, o equipo de Qubiotech indica que Neurocloud busca mellorar o fluxo diagnóstico en enfermidades como o Alzheimer, o Parkinson, a epilepsia ou a esclerose múltiple. A obtención de biomarcadores de distintas modalidades de imaxe (PET, RMN e SPECT), pode facilitar o traballo conxunto entre profesionais como médicos nucleares, radiólogos e neurólogos.

Máis de 20.000 análises realizadas con éxito en máis de 40 centros de España, Portugal e Italia

Desde Qubiotech explican que Neurocloud é unha plataforma adaptable segundo as necesidades do centro, que se integra de forma invisible no fluxo de traballo clínico. En detalle, indican que os estudos envíanse directamente desde os equipos de imaxe (PET, RM) ou desde o PACS do hospital (Sistema de Arquivo e Comunicación de Imaxe) e son analizados automaticamente en cuestión de minutos. A continuación, a plataforma xera un informe obxectivo que se incorpora ao proceso asistencial.

“As análises realízanse mediante algoritmos desenvoltos por un equipo de físicos e enxeñeiros, validados por especialistas médicos, e utilizados xa de forma rutinaria na práctica clínica. Neurocloud complementa as valoracións visuais con datos cuantitativos, facilitando tanto o diagnóstico precoz como o seguimento lonxitudinal do paciente” –apuntan desde Qubiotech–. Ademais, engaden que se xera unha base de datos estruturada que pode integrarse en modelos preditivos e cruzarse con outras fontes do sistema de saúde.

Desde os seus inicios, Neurocloud adoptou un enfoque clínico centrado no uso clínico real. Destacan fitos como a validación con datos clínicos reais en contornos hospitalarios; o desenvolvemento dun modelo híbrido escalable e respectuoso coa privacidade; a integración completa en distintos hospitais europeos; a obtención de financiamento para unha I+D competitiva e consolidación dun modelo comercial sostible; e máis de 20.000 análise realizadas con éxito ata a data.

Neurocloud está actualmente operativo en máis de 40 centros de España, Portugal e Italia, entre licenzas, colaboracións e ensaios clínicos, e prepara a súa expansión internacional coa obtención do certificado FDA (Food and Drug Administration), que se suma ao actual marcado CE. Entreos centros cos que colabora atópanse o Hospital Clínic de Barcelona, o Hospital Miguel Servet de Zaragoza, o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), o São João University Hospital (Oporto), Farmacéutica Novartis e Farmacéutica Bristol Myers Squibb, ademais doutros centros en proceso de integración o validación clínica.

Tamén están a traballar actualmente en diversos programas e liñas de innovación como o desenvolvemento de novos biomarcadores para a detección precoz do deterioro cognitivo leve; algoritmos de predición de progresión en enfermidades neurodexenerativas; a extensión a outras patoloxías cerebrais como tumores; e os estudos clínicos colaborativos con universidades e centros de investigación internacionais.

O CEO da compañía, Daniel Fernández, recollerá o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.