É un referente internacional en I+D+i aplicada á automoción e á mobilidade do futuro con máis de 20 anos de traxectoria, cun investimento acumulado superior aos 70 millóns de euros e máis de 1.000 profesionais
Actualmente traballa en proxectos de vehículos autónomos, tecnoloxías de baterías, ciberseguridade, intelixencia artificial, novos materiais ou xemelgos dixitais co obxecto de alcanzar unha “mobilidade máis limpa, intelixente, conectada e segura”
O director TIC e de Operacións, Esteban Martínez Germade, recollerá o recoñecemento na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa Empresarial da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), en O Porriño.
CTAG é un referente internacional en I+D+i aplicada á automoción e á mobilidade do futuro. Con máis de 20 anos de traxectoria, un investimento acumulado superior aos 70 millóns de euros e máis de 1.000 profesionais, CTAG é un socio clave para a industria, desenvolvendo solucións tecnolóxicas que transforman o sector e impulsando unha “mobilidade máis limpa, intelixente, conectada e segura”.
O centro dispón dun equipo multidisciplinar e uns laboratorios de vangarda que permiten a dixitalización e modernización do sector, liderando proxectos estratéxicos en ámbitos como a condución autónoma, o vehículo eléctrico, a seguridade, a conectividade, os novos materiais e a fábrica do futuro.
Desde a súa creación, CTAG participou en máis de 200 proxectos de innovación colaborativos, ademais dos proxectos unilaterais con empresas do sector automóbil. Algúns dos proxectos actuais nos que está a traballar son:
Mobilidade autónoma e conectada (estratéxico e diferencial):
Desenvolvemento e validación de sistemas para vehículos autónomos e conectados. Un exemplo de proxecto europeo no que traballa o CTAG actualmente é o proxecto Hi-Drive. Busca levar a condución automatizada ao seguinte nivel, facendo que os vehículos sexan cada vez máis capaces de conducir sen necesidade de intervención humana, mesmo en situacións complexas. Para logralo, o proxecto céntrase en crear un entorno de probas en Europa, desenvolver tecnoloxías que permitan aos coches adaptarse a distintos tipos de estradas e condicións de tráfico, probar estas funcións en situacións reais e esixentes, e entender como reaccionan as persoas ante este tipo de automatización. Ademais, Hi-Drive avalía o impacto desta tecnoloxía tanto a nivel individual como na sociedade en xeral.
Electrificación e tecnoloxías de baterías:
Innovación en sistemas de propulsión eléctrica, integración de baterías, xestión térmica, etc. É unha prioridade para o sector e sitúa a CTAG como un axente clave na transición enerxética. Por exemplo, destaca o proxecto SOCELL para desenvolver un ASIC que permita implantar Sistemas de Xestión de Baterías (Battery Management Systems, BMS) máis compactos, eficaces e alcanzables, con diagnóstico mellorado baseado en hardware, comunicacións inalámbricas, tolerancia a fallos e capacidades de equilibrado intelixente.
Ciberseguridade:
No marco do convenio RETECH, promovido e liderado por AMTEGA, CTAG crearía un laboratorio especializado en ciberseguridade aplicada á automoción. Trátase dunha iniciativa que impulsa a nivel nacional o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
Tamén a través de INCIBE, CTAG lidera o proxecto ASCAN (Analizador de Sinais CAN), co que busca desenvolver unha solución innovadora para a seguridade no ámbito da condución autónoma e conectada, mediante un software que emite alertas ante posibles ataques á rede do vehículo.
Xemelgo Dixital:
CTAG desenvolve proxectos que conectan o mundo real e o virtual para optimizar procesos de produción, mellorando a toma de decisións mediante a visualización de datos. Estes días está a presentar no evento Mindtech Vigo un demostrador das capacidades de CTAG neste campo.
I+D en materiais sostibles e alixeiramento:
Desenvolvemento de novos materiais funcionais e estruturas lixeiras para vehículos, con enfoque circular. Reforza a aposta pola sustentabilidade desde a enxeñaría, en liña coa regulación europea. CTAG participou no proxecto FORTEXVAL que ten como obxecto a valorización de residuos forestais derivados das podas, utilizando tecnoloxías avanzadas para converter estes materiais en recursos industriais útiles.
O director TIC e de Operacións do CTAG, Esteban Martínez Germade, recollerá o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.