Juan Casares Long, exreitor da USC: “Tiven a sorte de desenvolverme profesionalmente no mundo da computación, da programación desde os ordenadores analóxicos aos superordenadores, e da comunicación da primeira rede de banda ampla en ATM, participando dese xeito na definición do cambio planetario que estamos a vivir”
O que foi impulsor e primeiro director do Centro de Supercomputación de Galicia, de Meteogalicia, e da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia recollerá a distinción na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará este venres, 27 de xuño, en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Colexiada/o de Honra da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2025’ ao catedrático emérito en Enxeñaría Química Juan Casares Long.
O CPEIG concédelle esta distinción pola súa contribución ao avance tecnolóxico de Galicia, destacando por presidir a Comisión Técnica de Informática de Galicia encargada do deseño do entorno que debía acoller en Galicia o cálculo intensivo, a solución compartida polo sistema universitario galego e o CSIC e, de seguido, ser o primeiro director do Centro de Supercomputación de Galicia, desde onde organizou a rede de banda ampla de ciencia e tecnoloxía de Galicia, RECETGA. Tamén destaca o CPEIG que foi o impulsor e responsable da posta en marcha de Meteogalicia desde a Consellería de Medio Ambiente, onde conseguiu o recoñecemento do Sistema de Información Ambiental por parte do Computerworld Smithsonian no ano 2000.
O profesor Casares Long mostrouse sorprendido e agradecido ao Colexio por este recoñecemento. Sinalou que os seus acertos foron froito de ter colaboradores, xente amante da informática desde os anos setenta cando os medios non eran os que son agora nin nada parecido: circuítos eléctricos, tarxetas perforadas, teletipo, e o primeiro ordenador persoal de Sinclair. “Tiven a sorte de desenvolverme profesionalmente no mundo da computación, da programación desde os ordenadores analóxicos aos superordenadores, e da comunicación, da primeira rede de banda ampla en ATM, participando dese xeito na definición do cambio planetario que estamos a vivir” –manifesta–.
Juan José Casares Long (A Coruña, 1950) é Licenciado (Premio Extraordinario de Licenciatura) en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1972; así como doutor en Química pola Universidade Autónoma de Barcelona en 1976 e doutor en Enxeñaría Química pola Universidade de Salford (Gran Bretaña) desde 1978.
Tras traballar en Arabia Saudí nos anos 80, foi catedrático de Enxeñaría Química das Universidades de Sevilla, Cantabria e posteriormente Santiago de Compostela da que chegou a ser reitor. Tamen foi técnico superior na Empresa Nacional de Electricidade e membro do Consello de Dirección do Wessex Institute of Technology. É membro do Club de Roma.
Casares Long recollerá o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará este venres, 27 de xuño, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.