O presidente, Fernando Suárez, explicou que o impacto real da IA só se manifestará cando as persoas e organizacións aprendan a utilizala, o que implicará “construír aplicacións útiles, formar ás persoas traballadoras, adaptar os fluxos de traballo e potenciar a súa regulación”
Máis de 400 convidados asistiron hoxe en Santiago á gala, presentada polo humorista Goyo Jiménez, na que se entregaron as distincións nas 14 categorías que recoñecen iniciativas ou persoas destacadas neste ámbito profesional
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe a súa ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 400 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o CPEIG mostra á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Foron 14 as distincións anuais que se entregaron hoxe na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O primeiro punto neutro de intercambio de tráfico de datos en Galicia, Galnix; a enxeñeira informática Josefina Alonso, directora de Operacións do Digital Innovation Hub da Industria de Galicia; o doutor en Informática Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD); a Olimpiada Informática Española; o CTAG, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia; o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago polo seu Plan de Benestar Dixital; a compañía Accenture, pola súa participación no Programa Nacional de Algoritmos Verdes; a Consellería de Sanidade pola súa certificación no alto nivel do Esquema Nacional de Seguridade; o proxecto Neurocloud, da spin-off coruñesa Qubiotech; a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego na formación dos profesionais galegos a través do programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia; o enxeñeiro informático Santiago Noriega; a empresa Unisys; o proxecto QUORUM; e o catedrático emérito de Enxeñaría Química Juan Casares Long; son as persoas, proxectos, organismos e entidades distinguidas.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou na súa intervención que A NOITE é un encontro para compartir valores, recoñecer traxectorias e fortalecer o espírito dunha “profesión que transforma o mundo”, poñendo en valor o talento, a innovación e a responsabilidade social que a definen. “A enxeñaría informática non é só tecnoloxía, é tamén compromiso, impacto e futuro”, sinalou. O presidente engadiu que A NOITE é tamén unha homenaxe á comunidade, “un ecosistema ou rede diversa, dinámica e creativa que impulsa Galicia desde o coñecemento e a innovación”, con proxectos que botan a andar cunha idea nun garaxe ata empresas que prestan servizos tecnolóxicos nos cinco continentes. Así, Suárez felicitou a todas as persoas e entidades galardoadas, subliñando o seu traballo que inspira a seguir construíndo unha profesión con valores, visión e paixón. Por suposto, o presidente agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores que fan posible a gala da NOITE como parte esencial do calendario da enxeñaría informática galega.
Ademais de festexar os avances tecnolóxicos da comunidade, Fernando Suárez manifestou que no evento tamén se celebrou o impacto profundo e positivo que a tecnoloxía ten na sociedade. “Vivimos un momento crucial na historia da humanidade. A intelixencia artificial, a ciberseguridade e a xestión do dato están a redefinir as regras do xogo económico, social e político. Europa e España teñen por diante unha gran responsabilidade: liderar o cambio desde a innovación, pero tamén desde a ética e unha regulación axeitada”, argumentou.
Facendo referencia á IA, Suárez sinalou que os tecnólogos non deben permitir que se alimente unha cultura negativa e deben intentar democratizar o seu uso, para que a intelixencia artificial non se converta en patrimonio de poucas empresas que utilicen o seu enorme potencial en beneficio propio. A pesar de que moitos defenden a idea de que a intelixencia artificial xeral chegará case de forma inminente, Suárez explicou que o impacto real da IA só se manifestará cando as persoas e organizacións aprendan a utilizala de maneira eficaz, o que implicará construír aplicacións útiles, formar ás persoas traballadoras, adaptar os fluxos de traballo e navegar polo complexo terreo regulador e cultural que acompaña a toda nova tecnoloxía. “Son procesos lentos, a escala humana. O que limita o crecemento non é a falta de innovación, senón os colos de botella noutras áreas complementarias, como infraestrutura, políticas públicas, forza laboral e cultura”, indicou.
O presidente do CPEIG manifestou que as empresas, en canto á IA, deberían ser prudentes á hora de implantar tecnoloxías pouco maduras. “Construír produtos fiables segue sendo un gran desafío, e integrar a IA nos fluxos de traballo require moita experimentación e axustes. A idea de que os axentes de IA poden substituír directamente ás persoas traballadoras non só é errónea, senón perigosa”, indicou.
Sobre o papel dos gobernos na IA, Suárez explicou que deben reorientar o seu enfoque, centrándose en crear condicións que permitan que esta tecnoloxía teña un impacto positivo, investindo en educación, mellorando as infraestruturas, reformando institucións obsoletas, apoiando a reconversión laboral e establecendo regulacións que fomenten unha innovación responsable, ética e segura. “O maior obstáculo para obter beneficios económicos da IA non é a falta de intelixencia, senón a falta de preparación”, engadiu.
Esta décimo sétima edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG e contou coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estivo conducida polo humorista e actor albaceteño Goyo Jiménez, creador artístico coñecido por colaborar en diferentes programas de televisión, pero, sobre todo, grazas a súa faceta como cómico ou monologuista de stand up comedy. A NOITE tamén contou coa actuación dun grupo de magos que animaron o cóctel e a música do grupo boirense D'Crooners Band que interpretaron grandes éxitos do século XX.