Pasar al contenido principal

A Xunta e o CPEIG poñen en marcha unha nova edición do programa “Tech Kids” para impulsar o talento dixital da rapazada

Tech Kids 2025

A iniciativa ten por obxecto poñer en práctica o talento dixital e a capacidade de resolución de problemas ao tempo que se desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa

Está dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que recibirán formación de deseño en 3D, programación, pilotaxe de drons ou realidade virtual

Tras as sesións formativas, os participantes abordarán retos tecnolóxicos en equipos integrados por persoas de diferentes xeracións  

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), pon en marcha unha nova edición do programa “Tech Kids”, dirixido á rapazada baixo o lema “Argallando entre xeracións” co obxecto de poñer en práctica o seu talento dixital e a súa capacidade de resolución de problemas ao tempo que desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa.

As actividades comezarán o vindeiro mércores, 16 de xullo, na aula CeMIT de Valga e desenvolveranse ata o mes de setembro a través de sesións formativas cunha duración de 7.5 horas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia. Ademais celebrarase unha sesión formativa no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura. 

As persoas interesadas en participar, poderán inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT. 

Contido do Programa

Celebraranse a través das aulas da Rede CeMIT 11 cursos con 3 sesións formativas de 2.5 horas de duración que terán un carácter demostrativo-experimental, nas que se exporán varias aplicacións e usos dos diferentes equipamentos tecnolóxicos disruptivos dos que foron dotadas as aulas.

Durante as formacións poderán abordarse algunhas das seguintes temáticas: as sesións orientaranse tanto á xeración de ideas e invencións como ao uso das tecnoloxías disruptivas presentes nas aulas CeMIT para implementalas (deseño e fabricación 3D, robótica educativa con MicroBit, programación de videoxogos, experimentos con condutividade electrónica e programación e drons.

A partir desta aprendizaxe, sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico interxeracional que mesture a tecnoloxía e a innovación coa cultura e a tradición (grupos de persoas de distintas idades) que sirva como instrumento para impulsar a creatividade, o uso e aproveitamento do equipamento e materiais a través de proxectos autónomos que teña como base a formación recibida. (Para máis información pode visitarse a páxina web do reto).